29 outubro 2021
A alcaldesa, María Ramallo, e as concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña, visitaron xunto cos técnicos municipais e os traballadores da empresa adxudicataria, as obras do Paseo Alcalde Blanco. Aínda que o proxecto está moi avanzado, a crise de subministros que se está a producir a nivel global retrasa a colocación dalgúns elementos, como as madeiras das bancadas ou certas cuestións do establecemento hostaleiro da punta.
Así a todo, si que se avanzou por exemplo na colocación do que, de seguro, será un dos grandes atractivos do novo Paseo Alcalde Blanco: os novos xogos de agua. A zona de ocio conta con cinco elementos que se activan a través dunha botoneira táctil, para activar un circuito de 4 minutos durante os que sae auga, creando un circuito lúdico que permite mollarse e resfrescarse de cara ao verán.
Trátase dun circuito pechado, que conta con dous desaugadoiros que recollen toda a auga que sae dos elementos para reutilizala no momento no que se volven activar.
No que respecta ao local de hostalaría, estase a traballar na creación dos pregos para a concesión do mesmo, que definirán a súa execución.
A alcaldesa avanzou a pé de obra que a reconfiguración do Alcalde Blanco será “unha oportunidade para redesfrutar este espazo privilexiado que temos, cunha nova distribución e estética”.
A obra, que está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, ten un orzamento total de 1.135.542,12 euros e forma parte da estratexia de desenvolvemento urbano sostible Marín Dusi.