Un portal web para coñecer todo sobre a riqueza cultural e patrimonial dos lavadoiros de Marín

Un portal web para coñecer todo sobre a riqueza cultural e patrimonial dos lavadoiros de Marín

Os lavadoiros en Galicia, e concretamente en Marín, son un espazo funcional vencellado á cultura da auga, á idiosincrasia da nosa sociedade,  moitos deles con centos de anos de existencia que pouco a pouco foron perdendo protagonismo fronte ás novas tecnoloxías e electrodomésticos.

No caso de Marín, os lavadoiros, aínda que de xeito moitísimo máis minoritario ca outras épocas, seguen a ser moi utilizados por parte da veciñanza, especialmente das mulleres. Por iso, e polo enorme valor cultural e patrimonial que ostentan estes espazos, o Concello vén de renovar toda a súa sinalización e de lanzar unha páxina web na que se pode consultar todo sobre os lavadoiros da vila.

O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, e a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, presentaron o novo portal web dese o lavadoiro Río de Casás, no que non só se renovou o panel indicador, senón que tamén se realizou unha intervención integral para renovarlle a súa cuberta e o seu acceso e mellorar así a súa integración paisaxística.

Neste novo enderezo online (www.lavadoirosdemarin.com) cada un dos máis de 60 lavadoiros da vila conta cunha ficha multimedia na que se pode ver unha galería fotográfica da imaxe actual de cada un dos lavadoiros, unha pequena descrición na que se detallan as características arquitectónicas, o emprazamento, un mapa con xeoposición e unha fotografía a 360 graos.

Os concelleiros coincidiron en sinalar na presentación da web a importancia de recabar todos estes datos, “de tal xeito que estean á disposición de toda a veciñanza ou daquelas persoas que teñan interese en coñecer máis sobre os nosos lavadoiros, a súa historia e todas as súas localizacións, para poder ir visitalos”.

Tanto a renovación da sinalización dos lavadoiros como a creación deste portal web fixéronse con cargo a unha subvención para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra.

 

Anterior O Concello aumenta a dúas horas o tempo máximo na próxima Zona de Estacionamento Horario Limitado

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados