A presentación oficial tivo lugar esta mañá na Alameda de Marín, coa participación do club organizador, o Team Thunder, o Concello e Ence.
A competición desenvolverase entre o 30 de abril e o 3 de maio nas instalacións do colexio SEI San Narciso.
Marín, 23 abril 2026
Marín prepárase para acoller a edición máis ambiciosa e multitudinaria do Open Ence Villa de Marín. O evento foi presentado oficialmente esta mañá na Alameda da localidade polo organizador e responsable do Team Thunder, Aarón González, acompañado polo concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e a directora de Ence, Esther Couceiro.
O torneo, que este ano celebra a súa quinta edición, acadou un fito histórico ao superar os 700 participantes, consolidándose como o evento de boxeo máis grande de España.
Aarón González lembrou que o proxecto naceu como unha “idea tola” para dar rodaxe aos deportistas e que, tras empezar con apenas 20 participantes, o crecemento foi exponencial ata chegar á “loucura” de inscritos desta edición.
Un evento de proxección internacional
O carácter internacional do Open Ence Villa de Marín reforzase este ano coa chegada de delegacións de numerosos países. Ademais dos boxeadores nacionais e dos países limítrofes como Portugal e Francia, a vila contará con deportistas chegados de Chile, Canadá, Reino Unido, Irlanda, Dinamarca, Alemaña, Luxemburgo e Holanda, este último cunha expedición de máis de 40 persoas.
Apoio institucional e social
O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, destacou o traballo do Team Thunder por converter a Marín “nun referente deste deporte, non só tendo unha das escolas deportivas municipais máis exitosas senón tamén organizando un evento desta envergadura”.
Traba augurou que, de seguir este ritmo, a vindeira edición podería alcanzar os
1.000 participantes e converterse nun dos mellores torneos do mundo.
Pola súa banda, a directora de Ence, Esther Couceiro, amosou o orgullo da compañía por colaborar con iniciativas que fomentan o deporte na comarca e na sociedade, reafirmando o compromiso de seguir apoiando este tipo de actividades a través do Plan Social da empresa.
Calendario de competición
A actividade no colexio SEI San Narciso comezará o vindeiro 30 de abril cos sorteos e os pesaxes previos. A competición oficial arrincará o venres 1 de maio, cunha previsión de 180 combates na xornada inaugural repartidos en catro rings de forma simultánea. O torneo continuará o sábado 2 e culminará coas grandes finais o domingo 3 de maio.