Contacto | Tel.:986 88 03 00

Ardán contará cun novo colector que sustituirá á actual depuradora de Pastoriza para solucionar os problemas de saneamento

O saneamento é un dos servizos municipais máis importantes que xestiona un Concello. Garantir este servizo á cidadanía do mellor xeito, con calidade e seguridade, é fundamental no día a día municipal, ofrecendo aos veciños e veciñas de Marín servizos públicos eficaces.

Con respecto a isto, o Concello leva máis dun ano focalizando os seus esforzos na depuradora de Pastoriza, que dá servizo a este lugar, e que xera unha serie de problemáticas que é preciso atallar e solucionar. Así o entende tanto o Goberno local como a veciñanza e a Comunidade de Montes, que onte mantiveron unha reunión na Casa de Cultura de Ardán na que se tomou unha decisión respecto a esta problemática.

Este encontro estivo presidido polo concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, acompañado da concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín e polo enxeñeiro municipal. Estaban convocados para a súa participación representantes de cada unha das traídas veciñais existentes da zona, así como de cada un dos lugares da parroquia e a Xunta Directiva da Comunidade de Montes de Ardán.

Novas fixo un repaso de toda a problemática da depuradora, que se puxo en funcionamento hai 10 anos e que nos últimos tempos comezou a dar sinais de mala depuración, dado que se deron certos avisos de contaminación das augas.

Esta situación que se deu hai un ano, motivou dúas decisións por parte do Concello: a intensificación dos controis da auga, facendo analíticas frecuentes para comprobar a calidade da auga cada pouco tempo; e o encargo dunha auditoría de toda a rede de saneamento, co fin de comprobar todas as opcións e coñecer mellor a orixe dos picos de contaminación que se rexistraban.

No que respecta á auditoría da rede, as conclusións do equipo técnico que a levou a cabo foron claras. A rede está en perfecto estado. Así a todo, as analíticas seguían rexistrando parámetros anormais, segundo indica a empresa encargada do mantemento da depuradora, Teswater.

“Con todos estes informes enriba da mesa, a conclusión á que chegan todos os informes técnicos dos que dispoñemos é que a depuradora non é eficiente para esta zona”, explica o edil de Medio Rural. Ante esta situación, plantexáronse dúas posibles solucións: realizar unha nova depuradora, con máis capacidade, ou facer un colector que dea servizo a toda esta parroquia.

De xeito unánime, veciños e Concello acordaron onte tomar a decisión de facer o colector, que discurrirá baixo a estrada que vai de Pastoriza cara a Picotes-Cemitero de Ardán. “A mala experiencia do funcionamento da depuradora e todas as razóns técnicas que temos na man suxieren que realizar o colector, que será un proxecto moi ambicioso, é a solución máis axeitada e así o entende a veciñanza tamén”, asegura Pablo Novas.

Un proxecto que suporá un antes e depois para Ardán

A creación dun colector para dar servizo á veciñanza de Pastoriza suporá a clausura da depuradora no momento en que o colector estea en marcha e marcará un antes e un despois no saneamento da parroquia, que poderá rematar con todas estas problemáticas.

Así a todo, nun exercicio de franqueza, os representantes municipais trasladaron aos veciños onte na reunión que “a tramitación do proxecto, que acabamos de decidir poñer en marcha, extenderase aproximadamente un par de anos”, entre a redacción do mesmo e toda a súa licitación e execución.

“Durante este tempo”, aclarou o concelleiro, “teremos que seguir convivindo coa depuradora e seguiremos realizando todas as analíticas frecuentes necesarias para garantir a calidade da auga”. No momento no que o colector estea en funcionamento, a depuradora será clausurada.

Desde o Concello, “trataremos de axilizar o máximo posible todas estas tramitacións para poder facer realidade o proxecto do novo colector no prazo de tempo máis rápido que se poida”, afirmou Novas.

Firme compromiso co proxecto de acondicionamento da Estrada do Pazo

O Concello tamén ten en carteira outro importante proxecto para a parroquia de Ardán, relativo ao acondiconamento da Estrada do Pazo, “co que mantemos o noso firme compromiso”, aseguroulle o concelleiro aos veciños na reunión de onte.

De feito, Novas adiantoulle á veciñanza que xa se realizou un estudo provisional de afeccións. A actuación suporá o ensanchamento da vía, unha mellora de toda a seguridade viaria e a creación dun arcén para o tránsito peonil.

Así a todo, os veciños e o Concello acordaron que se lle dará prioridade á execución da obra do colector, “por razóns de sanidade pública e pola necesidade imperante que hai de resolver este problema”, frente á obra da Estrada do Pazo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies