O corpo de seguridade estableceu dous dispositivos especiais para atallar estas condutas. Por unha banda, sorprenderon a un menor realizando pintadas no muro do cemiterio da Raña e detectaron dúas empresas depositando residuos de obra nas proximidades de contedores.
Marín, 09 novembro 2026
A Policía Local de Marín está a desenvolver distintas actuacións para frear os actos vandálicos e o abandono de residuos na vía pública, tras detectar un incremento destas condutas. Entre as intervencións realizadas figuran a identificación dun menor sorprendido realizando pintadas no muro do cemiterio municipal da Raña e a detección de dúas empresas que estaban a depositar entullos de obra nas proximidades de contedores.
O corpo de seguridade municipal estableceu dous dispositivos específicos de vixilancia para minimizar estes comportamentos e solicita a colaboración da veciñanza para facilitar a súa detección.
Pintadas no cemiterio da Raña e en propiedades privadas
Nunha das actuacións, os axentes sorprenderon un menor no momento no que realizaba pintadas no muro do cemiterio da Raña, polo que se lle cursou unha denuncia administrativa.
Ademais, detectáronse pintadas con grafismos coincidentes en propiedades privadas. As persoas afectadas acudiron á Policía Nacional para presentar as correspondentes denuncias pola vía penal. A coincidencia entre os grafismos está a ser investigada.
Vertidos de residuos de obra xunto aos contedores
Por outra banda, a Policía Local detectou dúas empresas depositando escombro de obra nas proximidades en Cantodarea e noutra parroquia do rural de Marín.
Desde o Concello insístese na necesidade de respectar os espazos públicos e evitar o abandono destes materiais, que deteriora a contorna e dificulta o uso das zonas destinadas á recollida de residuos.
Avisos e información que axuden a actuar
Ante o aumento destas condutas, o Concello e a Policía Local solicitan á cidadanía que comunique calquera feito sospeitoso ou situación da que sexa testemuña. A localización, a hora, a descrición dos feitos, as matrículas ou as fotografías das que se dispoña poden facilitar o traballo policial.