Marín conmemorará o labor do Consello Municipal da Muller polo seu 15 aniversario

28 xuño 2021

O Consello Municipal da Muller compre 15 anos, un aniversario que servirá para achegar á cidadanía o labor deste órgano e todo o traballo que se realiza desde o CIM para loitar pola igualdade real, pola inclusión e contra a violencia de xénero.

Así o trasladou a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, na convocatoria do Consello que se celebrou esta mañá no Salón de Plenos da Corporación e que contou coa participación de representantes do CIM de Marín, do departamento de Servizos Sociais, dos grupos que forman parte da Corporación e das asociacións de mulleres ou con vocalía de muller.

Segundo detallou a concelleira, a posta en marcha do Consello aprobouse mediante un regulamento que foi elevado ao Pleno no 2006. “Desde aquela, a través deste órgano leváronse a cabo infinidade de iniciativas e actividades que agora queremos poñer en valor para facer balance e así seguir traballando de cara ao futuro”, declarou Sanmartín.

Deste xeito, está previsto que ao longo do ano se impulse unha exposición en diferentes formatos con recompilación de fotografías que se poderán ver en exposicións itinerantes nos puntos máis céntricos da vila: a Praza 8 de Marzo, o Palco da Música, a Praza da Capirota, o Museo Manuel Torres, a Finca de Briz…

Trátase de achegar á cidadanía, a través do arquivo gráfico, todo o que representa o Consello da Muller. Os actos realizados baixo o seu paraugas, as manifestacións, iniciativas, logros, actividades… incluso poñer cara ás súas compoñentes, destacando os Premios Lazo Violeta ou os gremios homenaxeados no 25N como exemplos de iniciativas nacidas no seno do Consello.

Marián Sanmartín indicou que o obxectivo é traballar agora todo este material “para poder telo listo de cara ao comezo do curso académico, de tal xeito que poidamos ofrecelo tamén para os centros educativos como actividade de formación no marco do 25 de novembro”.

Ademais, todas estas iniciativas terán o seu reflexo no mundo dixital, onde sobre todo a xuventude está máis informada, creando contido para redes sociais que permita achegarlles toda a historia do Consello da Muller.

Un Consello máis aberto, diverso e participativo

Máis alá de mirar cara atrás, o Consello quere tamén mirar cara adiante e pensar nun modelo de participación maior, con posibles novos sectores da sociedade que poidan aportar novas ideas e puntos de vista.

Nese sentido, os centros educativos terían un papel protagonista, podendo participar do Consello, traballando temáticas propias co alumnado, facendo aportacións, resolvendo dudas…

Tamén se pretende facer unha integración da poboación masculina, para traballar de xeito común en igualdade.

Condena aos últimos asasinatos machistas

Outro dos puntos que se tratou no Consello foi a condena aos últimos asasinatos machistas que se veñen producindo no noso país, así como á violencia vicaria (a violencia contra os fillos), que golpea constantemente á nosa sociedade e representa un gran problema que é necesario abordar e erradicar.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies