Marín convoca un Grupo de Acción Urbana para seguir facendo do Marín Dusi un proxecto colectivo e participativo

Marín convoca un Grupo de Acción Urbana para seguir facendo do Marín Dusi un proxecto colectivo e participativo

25 marzo 2021

O proxecto Marín Dusi está a transformar o espazo urbano e a calidade de vida da nosa vila. Trátase da estratexia máis relevante levada a cabo polo Concello en materia de rehumanización, que xa está supoñendo a transformación da Avenida de Ourense e do Paseo Alcalde Blanco e que fará realidade a construción do Auditorio de Marín. A estratexia está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

Co obxectivo de que este proxecto sexa máis colectivo que nunca, o Concello presenta a creación do Grupo de Acción Urbana (GAU), un espazo de participación cidadá ao que están convocadas as asociacións culturais e veciñais da nosa vila.

Este novo espazo de participación supón unha continuidade de todo o proceso que xa se levou a cabo cando se creou o inicio da estratexia e era preciso definir de cara a que obxectivos serían orientadas as inversións enmarcadas nos fondos europeos.

Agora, coa estratexia emprendida e coas obras xa iniciadas, desde o Concello queren reforzar de novo esa participación para que a veciñanza da vila se sinta integrada nesta transformación urbana, que empeza a dar os seus primeiros froitos.

“Estes colectivos son os que de xeito máis directo se verán beneficiados polas tres grandes actuacións enmarcadas no Marín Dusi”, asegurou o alcaldesa, María Ramallo, que hoxe informou da convocatoria deste grupo, que terá varias sesións de traballo para trasladar á cidadanía os detalles máis relevantes destes proxectos.

Construíndo o Marín que queremos é o lema baixo o que se desenvolverán estas sesións, que, polo menos polo momento, debido á situación sanitaria, serán por vía telemática, a través da plataforma Zoom.

A primeira sesión convócase para o luns, 12 de abril, ás 19.00 horas e contará cunha introdución por parte da alcaldesa e da asistencia técnica da DUSI. Despois, representantes técnicos da obra de humanización da Avenida de Ourense, da remodelación do Paseo Alcalde Blanco e do proxecto do Auditorio presentarán os detalles das actuacións para que os representantes das asociacións poidan coñecelos máis polo miúdo.

Ademais, o peche da sesión estará dedicada á preparación da nosa vila para formar parte da Axenda Urbana 2030, establecendo un novo horizonte de actuacións para cumprir cos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Unión Europea e, deste xeito, seguir traballando por un Marín máis ecolóxico, máis urbano, máis respectuoso e máis integrado.

As asociacións veciñais e culturais convocadas recibirán no seu email de contacto un correo electrónico coa explicación do GAU, o programa da sesión do 12 de abril, un pequeno formulario de inscrición e o acceso á reunión virtual a través de Zoom.

 

 

Anterior A Asociación de Veciños de Cantodarea traslada as súas demandas e necesidades á alcaldesa

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados