O Concello apela á responsabilidade cívica no depósito de residuos voluminosos cunha campaña de concienciación

A xestión dos residuos de carácter voluminoso é unha responsabilidade colectiva na que tanto o Concello, como a empresa encargada da súa recollida e a veciñanza teñen un papel fundamental para que sexa un servizo que funcione do mellor xeito posible.

Por iso, o Concello lanza unha campaña de concienciación, a base da colocación dunha serie de vinilos e da transmisión da información a través das redes sociais oficiais do Concello, para lembrar á veciñanza cal é o procedemento a seguir no caso de querer desbotar algún residuo voluminoso.

Os concelleiros de Medio Rural, Pablo Novas, e de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, reuníronse cun representante de Recolte para organizar esta campaña, cuxo impacto público xa comezará a ser visible nos colectores da vila a partir da semana pasada e que pretende evitar verquidos descontrolados tanto no casco urbano como no rural.

De feito, o Goberno local asegura que se está a realizar un intenso seguemento dos verquidos incontrolados que se detectan, tanto os non domésticos como aqueles que se sospeitan que teñen a súa orixe fóra do termo municipal.

Tal e como se poderá ler nos vinilos da campaña como nas redes sociais e na pantalla LED informativa do Concello, antes de deixar os depósitos na rúa é obrigatorio chamar ao 900 102 580, en horario de 09.00 a 13.00 horas. Neste teléfono, indicarase ao carón de que colector é preciso deixar eses voluminosos, que pasarán ser recollidos por Recolte.

O Concello lembra que, segundo se recolle na Ordenanza Xeral de Protección Medio Ambiental, cometer infracións desta índole pode conlevar multas de até 3.000 euros.

Máis de 30 toneladas de residuos en dous meses

O bo funcionamento deste servizo, así a todo, tamén é evidenciable coas cifras que a empresa avaliou na reunión con Sanmartín e Novas. En todo o termo municipal, nos últimos dous meses, recolléronse máis de 30 toneladas de residuos.

Sobre todo, correspondéronse con madeiras, ademáis de  RAES (residuos de tipo electrónico) e escombros de obra.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies