O Concello e Musimarín, man a man para ampliar as instalacións da asociación no CEIP da Laxe

25 agosto 2021

Xa non queda nada para que cativos e adultos retomen as actividades extraescolares e as aficións, como a da música. Coa volta de setembro, volven as clases e na Asociación Cultural Musimarín poderán facelo con instalacións ampliadas.

Desde hai algo máis de dous anos, a escola de música, que conta con máis de 100 alumnos e alumnas, estaba a ocupar unha das antigas casiñas de mestres que se atopan no recinto educativo do CEIP da Laxe.

Agora, o Concello de Marín colaborará coa entidade para xestionar a ampliación de uso á casiña anexa, unha decisión que deberá contar co visto bo definitivo do Consello Escolar, Inspección educativa e do claustro de mestres.

As concelleiras de Educación, Marián Sanmartín, e de Cultura, Beatriz Rodríguez, visitaron hoxe as instalacións acompañadas dun representante da directiva de Musimarín e da directora do centro educativo, para coñecer as necesidades e demandas da banda de cara á preparación da nova casiña para a súa utilización.

Entre outras cousas, levaranse a cabo traballos de mantemento, de repintado e, sobre todo, de electricidade, para dotar dun novo sistema eléctrico ao novo local, que permite realizar as clases e os ensaios de xeito correcto.

Desde o Concello, ambas edís destacan a importancia de seguir “apoiando e apostando polo noso tecido cultural”, que ofrece formación a todo o seu alumnado e que permite dinamizar á vila.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies