O Orzamento avanza nos compromisos adquiridos na Mesa de Negociación cos sindicatos e a Xunta de Persoal

26 agosto 2021

O Orzamento municipal aprobado inicialmente polo Concello de Marín, que fai fincapé nas partidas sociais, tamén ten boas novas no que respecta ao corpo funcionarial.

Segundo explicaron fontes municipais, coas novidades incorporadas ao documento orzamentario poderá chegarse ao 1 de xaneiro de 2022 co pago do 100% dos complementos específicos da masa salarial do persoal.

Este complemento, que xa se leva adaptando desde que se negociou cos sindicatos, incrementarase este ano un 15% e outro 15% o ano seguinte, chegando á súa cobertura total e actualizando, deste xeito, o índice salarial dos funcionarios que traballan no noso Concello.

Dentro desta plantilla atópanse tamén os axentes da Policía Local, un servizo que notou de xeito moi notable o sobreesforzo derivado da situación sanitaria, xa que velaron desde o inicio da pandemia polo cumprimento de todas as medidas de prevención de contaxios que se foron tomando e estiveron en primeira liña coa veciñanza para informala a través das oficinas, do teléfono, das redes sociais…

No seu caso, este complemento actualízase de xeito notable pola maior dedicación e polas xornadas especiais derivadas de circunstancias coma estas.

 

Un reforzo para as brigadas de Obras e de Augas

 Outro compromiso ao que se chegou na mesa de negociación cos sindicatos é que as brigadas de Obras e de Augas contarán cun retén de garda en cada unha delas, de tal xeito que os peóns poidan de xeito voluntario facer quendas rotarias e así poder acudir ás incidencias urxentes que se produzan polas tardes ou as fins de semana, dando cobertura a problemas cuxo arranxo non poida demorarse ata o día seguinte.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies