O Samaín Briz garda toda a súa maxia e diversión para a edición do ano que vén

28 setembro 2021

A festa do Samaín, que tingue a nosa Finca de Briz de terror, diversión e de disfraces, gardará toda a súa maxia para a edición do ano que vén. As concelleiras Marián Sanmartín, Itziar Álvarez e Elisa Dopazo reuníronse esta semana con representantes da Fundación Juan XXIII e a Comparsa Os da Caña, colaboradoras na organización da festa, para falar da situación actual e das posibilidades.

“A nosa festa de Samaín en Briz é moi difícil de adaptar ás medidas sanitarias que aínda temos que respectar e por iso cremos que é mellor ser cautos e prepararnos para volver con toda a forza o ano que vén, no que esperamos que a situación sexa moi diferente”, explicou Sanmartín.

No 2019, a última edición do Samaín que se puido celebrar, chegou a congregar a cerca de 3.000 persoas, que gozaron non só de toda a espectacular caracterización e decoración da Finca, senón tamén dos “roteiros do medo” que se organizaron durante toda a tarde-noite, adaptados a distintas idades.

Aínda así, para poder manter viva a chama do Samaín, si que se colocarán elementos decorativos a cargo da Fundación e da Comparsa, tanto no Palco da Música da Alameda como na casa principal da Finca de Briz.

Fotos, sempre!

O Concello anima á veciñanza a que vaia visitar a decoración e que se faga fotografías, tanto se están disfrazados ou non, cos elementos decorativos e convidan a que etiqueten ao Concello de Marín se suben ás redes as súas imaxes (@concellodemarin) e utilicen o hashtag #SamainMarin para que fotos poidan ser compartidas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies