Servizos Sociais repasa a inversión social realizada este ano e afirma que existe un cambio de perfil nos usuarios

Servizos Sociais repasa a inversión social realizada este ano e afirma que existe un cambio de perfil nos usuarios

A atención social é sempre unha prioridade, pero nas circunstancias actuais que estamos a vivir, en plena pandemia e cunha crise económica que suporá un durísimo golpe para moitas familias, esta área de acción municipal aínda cobra máis importancia.

A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, e a asistencia social, María Teresa Pérez, analizaron esta mañá a prestación dos diferentes programas activos no Concello. Ambas advertiron de que se está a notar “un cambio no perfil das persoas usuarias”.

En palabras da asistenta social, “temos, por unha banda, ás persoas que xa eran beneficiarias dalgunha axuda social, que seguen cobrando estas prestacións. Pero, doutra banda, estamos recibindo solicitudes de novas persoas, que nunca foran usuarias, e que tiñan contratos laborais ou pouco estables, que remataron con esta situación”.

A pandemia da Covid19 está a afectar a todos os niveis e iso provocou o aumento da inversión por parte do Concello en determinados programas ou a habilitación de novas liñas de axuda.

Axuda no Fogar, un programa que se amplía pola pandemia

Unha delas ten que ver coa axuda EXTRA COVID que se enmarca no programa de Axuda no Fogar. Este servizo, coordinado en colaboración coa Xunta, conta en Marín actualmente con 12 usuarios e é totalmente gratuíto. “Nesta modalidade, sobre todo detectamos necesidades de asistencia externa. Son persoas maiores ou dependentes, ou que vivían soas e que precisan de axuda para os traslados a mercar alimentos, mediciñas…”.

Neste EXTRA COVID, lévanse investidos cerca de 20.000 euros, segundo os datos que manexa o Goberno local. A esta cifra súmase a inversión nas outras dúas liñas do programa que xa existían: a básica, para persoas que precisan unha axuda específica por unha circunstancia especial ou que está á espera de que lle recoñezan o grao de dependencia; e a de dependencia puramente dita, que tamén se fai en colaboración coa Xunta, que asigna a estas persoas un número de horas mensuais de atención a domicilio.

“En Marín, temos 11 casos que son usuarios do programa básico e 94 do de dependencia”, informa a concelleira. Isto supuxo unha inversión até setembro deste ano de cerca de 468.650 euros. “Con esta cifra, comparándoo co global do ano anterior, xa podemos vaticinar que haberá un aumento da inversión, como é lóxico nesta situación”, declarou a concelleira.

60 casos atendidos a través do Programa de Educación Familiar

Outro dos programadas que se presta desde o departamento municipal de Servizos Sociais é o de Educación Familiar, que ofrece asesoramento psicolóxico e de mediación en situacións familiares con distintas problemáticas: drogadicción, problemas de conduta dos menores, xestión dunha situación traumática para o menor como un caso de violencia de xénero ou dunha separación…

A asistenta social informa de que a día de hoxe aténdense 60 casos a través deste programa, que conta cun presuposto anual, compartido entre os fondos propios do Concello e a aportación da Xunta, de 16.000 euros.

Aposta polos programas de envellecemento activo

Cambiar o modelo de envellecemento é fundamental, porque a día de hoxe a calidade de vida que se pode conseguir é enorme incluso en idades avanzadas. Antes da pandemia entraban en este epígrafe todas as actividades relacionadas cos obradoiros de memoria, ximnasia de mantemento…

Estas actividades, que son gratuítas para os usuarios, tamén sufriron o impacto do confinamento e da pandemia, porque viron paralizada a súa actividade. Así a todo, en canto foi posible, o Concello volveu poñer en marcha o Centro Teraéutico de Briz, xestionado xunto a Afapo para persoas con alzheimer, porque se demostrou como un servizo esencial para a boa saúde das capacidades cognitivas destas persoas.

Para poñelo en marcha, ademais de adaptar todas as medidas requeridas, repartíronse os usuarios en dous grupos diferentes, que acoden ás instalacións un día por semana.

Emerxencia social: unha gran labor das ONGs

Durante o confinamento, Servicios Sociais atendeu a 43 familias a través dos bonos sociais de adquisición de alimentos. Ademais, o Concello deu un complemento extra ás ONGs para poder adquirir non só alimentos non perecedoiros, senón tamén carnes, pescados, verduras…

En total, investíronse nestas axudas ata o mes de setembro arredor de 10.000 euros.
Agora o Concello prepárase para axudar ás ONGs a afrontar a campaña de Nadal, a través do financiamento da compra de alimentos valorada en máis de 4.000€, ademais das subvencións anuais que reciben, que suman 13.500€.

A concelleira Sanmartín quixo agradecer “coma sempre, pero especialmente nestes momentos, o traballo e o esforzo do voluntariado que traballa nas ONGs, que son unha peza fundamental para axudar na prestación da atención social”.

Anterior Tócanos estar á altura

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados