A través de distintos programas de emprego, contrataranse técnicos/as de Orientación Laboral, persoal técnico para Informática e Tesourería, unha persoa de Educación Social e dous auxiliares administrativos para a Policía Local.
Ademais, están en proceso a convocatoria de tres novos administrativos e pronto sairán prazas de peóns.
Marín, 15 xaneiro 2026
O Concello de Marín aproveitará varios programas de fomento do emprego público doutras admnistracións para reforzar algunhas das áreas municipais que máis precisan dun apoio pola elevada carga de traballo existente.
Por unha banda, está a piques de arrancar o novo Programa Integrado de Emprego, para o que se seleccionou a dúas persoas técnicas de Orientación Laboral, que serán as encargadas de xestionar este programa e axudar ás persoas beneficiarias a mellorar as súas posibilidades de inserción no mercado de traballo. A contratación destes técnicos está contemplada na axuda que concede a Xunta de Galicia para o desenvolvemento do PIE.
Ademais, a través do programa da Deputación de Pontevedra +Emprega contratarase unha persoa de Informática e unha de Administración de Empresas para o departamento de Tesourería, reforzando así estas dúas áreas de xestión municipal. Á de Tesourería tamén se sumará unha persoa máis co programa de Garantía Xuvenil da Xunta de Galicia.
A través deste programa autonómico, contratarase tamén a un/a Educador/a Social para o departamento de Servizos Sociais do Concello, dándolle un impulso dada a gran cantidade de traballo tanto de xestión como de atención que recae neste servizo público tan esencial.
Reforzo na Policía Local e convocatoria de novas prazas
Por outra banda, a Policía Local acaba de ser reforzada coa contratación de dous auxiliares administrativos que foron solicitados á Academia Galega de Seguridade e coa chegada dun novo axente, que procede de Cangas en réxime de comisión de servizos.
Ademais, nos próximos días publicaranse as datas para o inicio das probas de tres prazas de Administrativo para o corpo funcionarial municipal e próximamente convocaranse 3 prazas de peóns para reforzar a Brigada de Obras.