Un Parque da Natureza e novas rutas de cicloturismo: as dúas licitacións abertas para seguir poñendo en valor o Lago Castiñeiras
Un Parque da Natureza e novas rutas de cicloturismo as dúas licitacións abertas para seguir poñendo en valor o Lago Castiñeiras

Un Parque da Natureza e novas rutas de cicloturismo: as dúas licitacións abertas para seguir poñendo en valor o Lago Castiñeiras

As dúas licitacións, das últimas que entrarán dentro do Plan de Sostibilidade Turística de Marín, suman unha inxección económica na zona de 164.781,39 euros.

Marín, 16 marzo 2026

Potenciar o bosque atlántico galego, revalorizar o entorno fluvial coa creación dun estanque para anfibios, fomentar a plantación de árbores froiteiras e reabrir un novo miradoiro na zona de Santomé de Piñeiro.

Estes son os obxectivos principais que persegue o proxecto de impulso do Parque da Natureza, unha aposta clara do Concello no Lago Castiñeiras e que se complementa co resto de iniciativas despregadas no entorno dentro do Plan de Sostibilidade Turística de Marín.

Son precisamente estes fondos os que financiarán a actuación, que ten aberta a licitación por un importe de 115.314,45 euros, e que ten aberto prazo de presentación de ofertas ata o 6 de abril.

Tal e como se pode ler no proxecto técnico, plantéxase unha especie de ecosistema de bosques, como illas temáticas sobre as que se actuará:

  • O Bosque Galego. Unha aposta pola reforestación autóctona para a mellora do sotobosque, eliminando especies invasoras.
  • O Bosque da Auga, no que se plantarán frondosas típicas dos bosques fluviais e se creará un estanque para anfibios, que potencie a riqueza da fauna da contorna.
  • O Bosque de cidadáns. Ampliarase o parque infantil con elementos de xogo relacionados coa trepa, a escalada… seguindo un concepto de multiaventura.
  • O Bosque comestible, mediante a plantación de árbores froiteiras autóctonas galegas (maceira, pereira, ameixeira), herbas mediciñais e aromáticas.
  • O Miradoiro de Castiñeiras. Acondicionarase este palco desde o que se ten unha espectacular panorámica da ría, así como o sendeiro de acceso e a zona anexa de estacionamento. Tamén se colocarán banquiños e un columpio dobre de madeira.
  • A Mámoa de Pedralonga. Protexerase e porase en valor esta peza de patrimonio arqueolóxico coa colocación dun novo valado de protección.

O cicloturismo: outra forma de coñecer o Lago e a súa contorna

Ata o 23 de marzo, e cunha inversión de 49.466,94 euros, estará aberto o prazo de presentación de ofertas para a licitación do proxecto de creación, sinalización e promoción de rutas de cicloturismo, que tanto potenciarán os circuítos BTT como itinerarios máis familiares.

O proxecto estrutúrase en dous lotes. O primeiro céntrase na implantación de infraestruturas ciclistas de calidade, coa instalación de estacións de reparación, axuste e inflado de bicicletas en puntos estratéxicos do municipio, así como nunha completa rede de sinalización e balizamento das rutas de cicloturismo, con paneis interpretativos, balizas de madeira e sinalética integrada na paisaxe. Todo o deseño responde a criterios de seguridade, accesibilidade, durabilidade e integración ambiental, incorporando tamén ferramentas dixitais como códigos QR para mellorar a experiencia das persoas usuarias.

O segundo lote contempla un plan integral de promoción do cicloturismo, que inclúe a produción de material audiovisual e fotográfico profesional, vídeos adaptados a distintos formatos dixitais e materiais divulgativos das rutas.

Este traballo permitirá reforzar o posicionamento de Marín como destino de referencia en turismo activo, tanto para ciclistas máis experimentados como para familias e público infantil, contribuíndo á desestacionalización e a un impacto económico máis sostido ao longo do ano.

A actuación desenvolverase arredor de tres itinerarios principais: a Ruta BTT Marín, a Ruta Familiar polo Vial de Praias e unha Ruta Kids no entorno do Lago Castiñeiras, reforzando este espazo como un dos grandes polos de lecer activo e contacto coa natureza do municipio.

Anterior Gran participación na mesa veciñal pola redacción do Plan Especial e análise das problemáticas do comercio na mesa técnica

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados