O prazo de presentación de propostas estará aberto ata o 4 de maio e limitarase a participación a persoas de máximo 35 anos, coa finalidade de incentivar aos novos valores.
Marín, 20 marzo 2026
O Concello de Marín anunciou hoxe a apertura da convocatoria para o XXIII Premio de Poesía Concello de Marín, unha edición que busca dar continuidade á tradición literaria impulsada polo municipio co galo da celebración do Día das Letras Galegas.
O certame pretende consolidarse este ano como un espazo de referencia para a creación poética emerxente. Enmárcase dentro do que será un novo evento literario, que se impulsará para a fin de semana do Día das Letras Galegas, que recollerá a estela de Vila do Libro e do que se darán máis detalles de cara ás próxímas semanas.
Un trampolín para novas voces
A principal novidade desta vixésimo terceira edición é a limitación da idade de participación, fixada entre os 18 e os 35 anos. Con esta medida, o Concello de Marín quere fomentar os novos talentos e que o galardón sirva de trampolín para novos/as poetas, dándolles un impulso nas súas carreiras literarias a través do recoñecemento público e unha dotación económica atractiva.
Requisitos e premios
As bases establecen que os traballos presentados deberán ser en lingua galega, orixinais e inéditos. A temática é libre e as obras terán unha extensión mínima de 100 versos, podendo formar parte dun só poema ou de varios. Os criterios de valoración terán en conta a orixinalidade no tratamento da temática, o emprego dunha linguaxe e estilo ricos, así como o rigor e a calidade da obra.
O certame conta cos seguintes premios:
● Un premio único de 1.000 euros para a obra gañadora.
● Un accésit de 200 euros para aquel traballo que recolla os méritos suficientes para ser destacado, aínda que non reciba o premio principal.
Prazos e presentación
O prazo para a recepción de orixinais comeza hoxe, venres 20 de marzo de 2026, e permanecerá aberto ata o 4 de maio de 2026 ás 14.00 horas.
Seguindo o sistema de plica para garantir o anonimato, as persoas autoras deberán presentar os seus traballos en dous sobres pechados. A presentación farase, preferiblemente, en formato dixital (USB), aínda que se mantén a opción da presentación en papel.
Un xurado composto por persoas de relevancia do mundo da cultura e da literatura galegas avaliará as obras presentadas. O fallo farase público o 14 de maio a través de todas as canles de comunicación oficiais do Concello. A entrega do premio realizarase no acto de celebración do Día das Letras Galegas, onde as persoas premiadas se comprometen a acudir para recoller o galardón e realizar unha lectura pública do seu traballo.
Para máis información e consulta das bases completas, as persoas interesadas poden dirixirse á páxina web municipal.