A XVI Carreira Pinga Pinga chega este sábado a Santo Tomé de Piñeiro con 416 persoas inscritas
XVI Carreira Pinga Pinga

A XVI Carreira Pinga Pinga chega este sábado a Santo Tomé de Piñeiro con 416 persoas inscritas

A cita incorpora este ano a modalidade de relevos e renderá homenaxe á atleta olímpica Julia Vaquero. A programación comezará ás 16.00 horas coa andaina

Marín, 08 outubro 2026

A Carreira Pinga Pinga volverá reunir deporte e convivencia en Santo Tomé de Piñeiro este sábado, 10 de outubro, coa celebración da súa décimo sexta edición. A proba, convertida xa nun clásico do calendario deportivo de Marín coa chegada do outono, conta con 416 persoas inscritas entre todas as categorías e mantén abertas as inscricións a través de carreirasgalegas.com.

A edición foi presentada esta mañá no Concello por representantes do Club Deportivo Pinarium, coa presenza da Comunidade de Montes de Santo Tomé de Piñeiro e do concelleiro de Deportes, Antonio Traba.

Andaina, carreiras infantís e unha nova modalidade de relevos

A programación comezará ás 16.00 horas coa saída da andaina. Cinco minutos despois, ás 16.05 horas, arrancarán as carreiras dos máis pequenos.

A partir das 17.00 horas será a quenda da carreira absoluta, da carreira inclusiva e da nova modalidade de relevos, unha das principais novidades desta edición.

Esta variedade de propostas permite participar de diferentes maneiras nunha xornada que combina competición, actividade física e convivencia. As 416 inscricións rexistradas ata o momento dan conta da boa acollida dunha cita que segue mobilizando a deportistas e familias arredor do atletismo.

Homenaxe a Julia Vaquero

Como cada ano, a Pinga Pinga dedicará un recoñecemento a unha figura destacada do deporte. Nesta edición, a homenaxe recaerá en Julia Vaquero Sousa, unha das grandes referencias do atletismo galego e español.

A fondista foi olímpica en Atlanta 1996 e mantivo o récord de España de 5.000 metros entre 1996 e 2024, cunha marca de 14 minutos, 44 segundos e 95 centésimas. A súa extensa traxectoria inclúe tamén participacións en campionatos europeos e mundiais de campo a través.

A súa vida deportiva e persoal protagoniza o libro «Chámome Julia», escrito por Isidoro Hornillos, que achega ao público a historia da persoa detrás dos resultados e dos éxitos deportivos.

Con esta homenaxe, a organización continúa a tradición de recoñecer a deportistas que deixaron pegada e de achegar os seus exemplos ás novas xeracións.

Anterior A COVIÑA

2026 Concello de Marín. Todos los derechos reservados