A situación sanitaria na nosa vila non escapa á tendencia ascendente que está a rexistrarse en toda a nosa comunidade e, en xeral, en todo o territorio español. A alcaldesa, María Ramallo, analizou hoxe os datos, que ascenden día a día segundo as cifras reportadas pola Consellería de Sanidade, chegando hoxe a un total de 146 casos activos, o que supón 8 casos máis ca onte.
“É indubidable que existe un crecemento nos casos, aínda que, polo menos, é un crecemento lixeiramente máis sostido que noutros concellos”, explica a alcaldesa, que así a todo non oculta a súa preocupación por unha situación sanitaria “complexa e que nos obriga a ser estritamente responsables e a cumprir cunhas normas que aínda seguirán activas e que irán pouco a pouco facendo o seu efecto”.
Segundo a Consellaría, Marín conta nestes momentos cunha incidencia acumulada de 526,3 casos por cada 100.000 habitantes. Ante as peticións de parte da cidadanía da realización dun cribado masivo á poboación, tal e como se realizou noutros concellos, a alcaldesa aclara que “por criterios exclusivamente sanitarios, tal e como nos trasladan desde a Xerencia, estes cribados realízanse en concellos nos que se acada unha incidencia acumulada de 1.000 contaxios por cada 100.000 habitantes”.
Ramallo argumenta que, segundo explican as autoridades sanitarias, “é a partir desa incidencia cando é posible que o cribado sexa efectivo e sirva como medida de detección temperá de asintomáticos”.
No que respecta ao brote da Escola Naval Militar, a alcaldesa explica que se atopa en conversacións constantes coa dirección do centro castrense e aclara, tal e como xa se fixo nos medios de comunicación, a falsidade dunha información que aseguraba que un estudante da ENM estivo ingresado de gravidade. “Afortunadamente, todos os casos son leves ou non revisten gravidade”, asegurou a alcaldesa.
No caso da Escola, explican ademais que non se vén detectando ningún novo caso positivo novo desde o xoves e que se están a tramitar altas a un bo ritmo. Por protocolo, realízanse cribados constantes e test individuais ao alumando cada tres días.