A Asociación Cultural Musimarín estrea as súas novas instalacións

A Asociación Cultural Musimarín estrea as súas novas instalacións

Despois de varios anos impartindo clases de música e realizando ensaios ca Banda na Finca de Briz, a Asociación Musical Musimarín poderá gozar a partir de outubro das súas novas instalacións, situadas no CEIP A Laxe.

O director da agrupación visitou onte o centro educativo xunto cas concelleiras Beatriz Rodríguez e Marián Sanmartín. Os alumnos da asociación poderán agora gozar tanto do espazo dunha das casas dos mestres que estaba sen utilizar, como de dúas aulas que de momento o colexio ten dispoñibles, e nas que tamén se realizarán ensaios. Asimesmo, a Banda de Música poderá utilizar o salón de actos do centro educativo.

“Desta maneira, Musimarín poderá seguir crecendo e acollendo a máis nenos nas súas clases e actividades”, explicou a concelleira Marián Sanmartín. Pola súa banda, a asociación mostrou o seu agradecemento “a todos os organismos que fixeron posible que esta escola poida ter novas instalacións”, entre os que están, ademais do Concello, o equipo docente do colexio, a ANPA e o equipo directivo, á fronte do cal está a directora Cristina Sanmartín.

Despois de diversas reunións entre todos os actores implicados, o Consello Escolar votou a favor, por unanimidade, do traslado de Musimarín á escola, o que supón un respaldo á labor que realiza a asociación “e unha aposta pola cultura musical”.

A asociación quixo tamén ter unhas palabras de agradecemento para os empregados e funcionarios de Servizos Sociais que traballan en Briz “por deixarnos compartir todo este tempo a nosa labor nesas instalacións”.

Na actualidade, a asociación conta con máis de 140 alumnos e cun equipo docente formado por 13 mestres.

Anterior O Concello mellorará a estrada rural de Mimáns, que une Ameal e Ruanova

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados