O pavillón do San Narciso reuniu hoxe pola mañá a centos de escolares, que puideron gozar dunha exhibición do máis alto nivel de tenis de mesa, unha disciplina que este ano ofértase por primeira vez nas Escolas Deportivas Municipais.
A Federación Galega de Tenis de Mesa quixo inaugurar as clases, que comezan hoxe pola tarde e que serán todos os venres da tempada, de 17.30 a 19.30 horas, nestas instalacións. Por iso, diversos integrantes da selección española e da galega que compiten neste deporte xogaron varias partidas diante dos escolares.
“Un dos nosos técnicos virá hoxe para axudar no arranque das clases”, informou o presidente da federación, José Luis Cabaleiro, que acompañou aos concelleiros Antonio Traba e Antonio Caíña, e ao xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, na presentación de hoxe.
Entre outras cousas, a Federación expuxo todo o realizado ao abeiro do seu proxecto “O camiño do tenis de mesa”, unha iniciativa realizada polo Xacobeo 2021, co que promocionar o tenis de mesa a nivel social, cultural e deportivo utilizando como catalizador o Camiño Portugués.