O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, visitou as instalacións cos responsables da obra, que este venres rematarán os últimos detalles. A empresa concesionaria do servizo, Soom, entrará para encher o vaso da piscina e colocar a maquinaria, polo que abrirá de novo o espazo a principios de marzo
Marín, 01 febreiro 2024
A piscina municipal e o centro deportivo da Raña reabrirán as súas portas na primeira semana de marzo. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, nunha visita a pé de obra cos responsables da empresa encargada do proxecto, que supón unha revitalización e modernización das instalacións.
Tal e como adiantou o edil, “os traballos rematarán este venres, polo que Soom, que é a empresa concesionaria do servizo, poderá xa acceder para encher o vaso hidráulico da piscina así como para limpar e colocar toda a maquinaria da sala de fitness, polo que previsiblemente xa poderemos ter funcionando a instalación na primeira semana de marzo”.
Con esta mellora integral, “puidemos intervir en distintas partes que o precisaban, como as fachadas, as cubertas, as estruturas metálicas ou o interior dos vestiarios e do ximnasio, renovando os materiais envellecidos”, apuntou Traba, que tamén indicou que se habilitou unha nova cuberta e se cambiou o chan da sala de fitness para substituilo por gres.
“Ademais, unha das cuestións que máis locen na reforma é a nova sala para actividades dirixidas, chea de luminosidade e de sensación de espazo, que mellorará moito a experiencia das persoas usuarias”, segurou o concelleiro. No proxecto, investíronse cerca de 604.000 euros.