O mercadillo de Seixo botou a andar recentemente e agora tratará de atraer a novos consumidores cada luns cunha nova campaña de dinamización comercial. A concelleira de Comercio e Turismo, Cristina Acuña, xunto cos directivos de Acemas (Asociación de Comerciantes de Marín Sur), Manuel Solla e Cristina Souto, presentaron esta mañá unha tirada de sorteos que repartirán en total 300 euros durante 10 semanas.
Segundo explicaron, cada luns repartiranse boletos entre os compradores do mercadillo nos distintos postos, nos que os que queiran participar deberán indicar os seus datos (nome e teléfono de contacto). Estes boletos depositaranse nunha furna que haberá no mercadillo e ao finalizar a xornada realizarase un sorteo.
O gañador de cada luns recibirá un vale de 30 euros para gastar nos postos do mercadillo da parroquia marinense. Poderá participarse cos boletos independentemente da cantidade de cartos que se gasten no mercadillo.
Con esta actividade, Acemas e o Concello pretenden animar a asistencia e ás vendas nos 17 postos que conforman o mercadillo, que quere afianzarse como unha alternativa comercial na parroquia os luns pola mañá, dinamizando o espazo.
Este luns celebrarase o primeiro sorteo.