Apoiar o noso e reactivar xuntos a vila de Marín, mensaxe principal da nova campaña de dinamización comercial do Concello

Apoiar o noso e reactivar xuntos a vila de Marín, mensaxe principal da nova campaña de dinamización comercial do Concello

Ampara a nosa saúde, apoia a nosa economía, aperta o noso turismo e alenta o noso comercio. Eses son os catro lemas, unido a un quinto de “apego á nosa vila”, que presentou esta mañá o Concello de Marín, como campaña de dinamización e concienciación comercial para motivar o consumo local para reactivar a economía do municipio.

A campaña está enmarcada no programa Marín en Rede, a plataforma dixital que o Concello lanzou hai algo máis dun mes e que xa conta con máis de 100 adhesións de negocios e hostalaría que contan con fichas multimedia personalizadas.

Segundo explicou a concelleira de Turismo e Comercio, Cristina Acuña, durante a presentación da campaña, “hoxe é mais importante ca nunca incentivar o consumo na nosa vila, apoiando a todos os comercios e aos locais que precisan da nosa axuda para seguir adiante e superar esta dura situación tanto social como económica”.

De xeito paralelo a esta campaña que encherá de cor e de mensaxes de concienciación o termo municipal, o Concello segue traballando para desenvolver novas accións de cara a fomentar o gasto a nivel local e tamén coa vista posta nunha das grandes demandas aportadas polo sector comercial: a formación en competencias dixitais.

Coa proposta de Marín en Rede “dimos xa un importante paso para mellorar a visibilidade dos nosos establecementos no mundo online”, asegurou Acuña, que destacou a boa acollida que está a ter a campaña online #PonllesCara, tanto entre os comerciantes e hostaleiros como entre a poboación. “Con esta campaña, cada un dos negocios adheridos poderá ter o seu propio vídeo promocional, que ten un importante número de visualizacións nas redes sociais e iso facilita a promoción das súas marcas, redundando nun beneficio global para toda a economía da nosa vila”.

De cara á hostalaría, tamén será importante o avance que se fará na seguridade co reparto dos adhesivos con QR que comezarán a repartirse a próxima semana, e que redirixirán á páxina Marín en Rede, na que se poderán consultar as cartas daqueles establecementos que a suban á ficha.

Anterior O Concello presenta un plan de axuda social específico para mulleres vítimas de violencia machista con dificultades para afrontar gastos de primeira necesidade

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados