As Anpas dos centros educativos de Marín, en colaboración co Concello, organizan o Mini Mercado de Nadal

As Anpas dos centros educativos de Marín, en colaboración co Concello, organizan o Mini Mercado de Nadal

15 novembro 2021

A concelleira de Educación e Benestar Social, Marián Sanmartín, mantivo unha reunión coas Anpas dos centros educativos de Marín de cara a organizar o Mini Mercado de Nadal que todos os anos serve para iniciar o ambiente de Nadal na vila e para apoiar a actividade dos nais e pais de cara ás actividades que realizan durante o ano.

O Mini Mercado instalarase o sábado 11 de decembro na Alameda, na carpa que despois será ocupada polas actividades infantís propias da programación do Nadal. Por suposto, contará con todas as medidas sanitarias referentes á Covid-19 e estará aberta de 17.00 a 21.00 horas.

No mercadiño participarán as Anpas da EEI Nosa Señora do Carme, IES Illa de Tambo, IES Mestre Landín, CPR San Narciso, CPR La Inmaculada, CEIP de Seixo, CEIP de Ardán, CEIP da Laxe, CEIP do Carballal e CEP do Sequelo.

A organización do evento recaerá nos pais e nais destes centros, namentres que o Concello se encargará de asumir todos os gastos. “O que pretendemos é que as Anpas poidan recadar a totalidade do que consigan, sen que teñan que realizar gasto algún e, por tanto, que se vexan beneficiadas da celebración do mercadiño”, explicou Sanmartín.

Por outra banda, e a diferencia doutros anos, non se fará unha chocolatada dentro do propio Mini Mercado. Serán nesta ocasións as ONGs de Marín as que colocarán o mesmo día unha haima independente na que ofrecerán chocolate a todos os que queiran colaborar, xa que todos os cartos recadados serán para os fondos destas entidades sen ánimo de lucro.

De cara ás próximas semanas, o Concello seguirá anunciando novidades de cara á celebración do Nadal, que traerá consigo toda a maxia característica destas datas.

Anterior O Concello dá o pistoletazo de saída para a adxudicación do Auditorio de Marín

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados