As Xornadas Blanco Freijeiro volven pechar una edición exitosa

As Xornadas Blanco Freijeiro volven pechar una edición exitosa

Coa visita ás salinas de A Guarda este pasado domingo, rematou a XXI edición das Xornadas Blanco Freijeiro, que este ano abordaron unha cuestión de máxima actualidade como é cambio climático dende unha perspectiva histórica. O primeiro relatario, a cargo do catedrático da USC Antonio Martínez, deulles unha visión xeral aos asistentes, incluso remontándose a hai millóns de anos, e tamén permitiu coñecer o complexo proceso de reconstrución do clima do pasado, buscando os datos nos xeos árticos ou nas turbeiras.

Nas seguintes dúas sesións se puideron coñecer casos concretos de cambio climático en Galicia. O mércores da man da paleoecóloga da Complutense de Madrid Lourdes López de Madrid e do arqueólogo Juan Castro, que falaron sobre a produción de sal no Vigo romano entre os séculos I-III d.C., e como se pode reconstruír o ambiente da época a partires do pole que se pode atopar nos estratos arqueolóxicos.

O xoves Camilo Fernández da USC falou da Pequena Idade de Xeo e as súas consecuencias, cunha importante baixada das temperaturas entre os séculos XV e XIX; hai moi pouco tempo. Finalmente o venres, o físico da UVigo Juan Añel tratou sobre a obtención de datos meteorolóxicos dende o século XIX e como axudan na elaboración de modelos climáticos que nos permiten albiscar o que pode suceder no futuro, incluso comentando proxectos que se están estudando para combater o quecemento global do planeta e que pola súa espectacularidade sorprenderon ao público asistente. Ao remate desta conferencia, como é habitual, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, entregou os diplomas de asistencia aos presentes.

O numeroso público que acudiu cada día ás Xornadas é a mellor mostra de que a temática abordada foi de interese, e que desfrutaron duns conferenciantes que están traballando en investigacións científicas de primeiro nivel, e que foron amenos e capaces de facilitar a comprensión dunhas investigacións moi complexas. A notable asistencia ten máis mérito se temos en conta que houbo días de moi mal tempo, con auga e frío, que dende logo non invitaban a saír da casa xa de noite.

Anterior A concelleira socialista Lucila Cano toma posesión nun emotivo Pleno

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados