Este documento rexerá as condicións urbanísticas que aplicarán no casco vello e no barrio de Cantodarea, que requiren dun tratamento especial para a súa conservación
Marín, 25 outubro 2025
O desenvolvemento urbanístico da vila debe ir aparellado ás conservación e mantemento dos barrios máis patrimoniais, que son testemuña da nosa historia e teñen un enorme valor patrimonial.
Para iso, estase redactando o Plan Especial de Protección, que atinxe ao casco antigo e ao barrio de Cantodarea, onde ata o de agora, debido á inexistencia desta regulación, só está permitido conservar e manter o que xa está construído.
A empresa ITH está a ser a encargada da redacción do plan, que se realizará durante varios anos pero que xa está avanzando na súa primeira fase. Con el, marcaranse as directrices urbanísticas que axudarán a seguir desenvolvendo as edificacións e o espazo urbano destas áreas de especial interese patrimonial, nas que a historia, a socioloxía e a tradición xogan un importante papel.
Por iso, a participación cidadá será clave na redacción do documento e se irá realizando ao longo de todas as fases de desenvolvemento do mesmo.
Neste arranque, está previsto facer unha primeira sesión a finais deste mes cos representantes de todos os grupos políticos que conforman a Corporación para expoñer as primeiras liñas de actuación e que se poidan realizar achegas para un plan que ten unha proxección futura para a vila.
Despois, realizaranse mesas de participación para as que se convocará ás asociacións veciñais e culturais destas zonas concretas, para traballar con elas os puntos esenciais do documento e que poidan achegar impresións e demandas. Tamén se realizarán encontros sectoriais coas asociacións comerciais e o tecido empresarial e abordarase a mellora urbanística desde a perspectiva económica, ambiental e social.
O obxectivo final é poder seguir desenvolvendo urbanísticamente Marín pero sen perder o foco da nosa arquitectura e fisionomía e respectando a tradición urbanística do espazo histórico e dun barrio tan tradicional e mariñeiro como é Cantodarea e o casco histórico.