O IES Chan do Monte acolle un acto de promoción da nova aplicación de mobilidade MoBT para pagar con tarxeta no bus

O IES Chan do Monte acolle un acto de promoción da nova aplicación de mobilidade MoBT para pagar con tarxeta no bus

Marín, 21 abril 2026

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, participou hoxe pola mañá nunha xornada de promoción da nova Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 MoBT no IES Chan do Monte. No evento, dirixido ao alumnado, tamén estiveron presentes a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey.

Esta iniciativa ten como obxectivo achegar ás xeracións máis novas unha ferramenta que facilita o uso do transporte público a través da tecnoloxía. A aplicación MoBT xa está operativa na área do Morrazo e permite aos usuarios pagar o autobús directamente co teléfono móbil, eliminando a necesidade de levar tarxetas físicas ou de realizar recargas en caixeiros bancarios, como se facía ata agora.

Durante o encontro, María Ramallo destacou a importancia de dar facilidades a unha xeración totalmente dixitalizada e que utiliza moito o autobús. Pola súa banda, os representantes da Xunta explicaron que a plataforma permite xestionar un moedeiro virtual e consultar o saldo en tempo real.

Ademais, a aplicación, dispoñible para dispositivos Android e Apple, inclúe un buscador avanzado para planificar desprazamentos multimodais e a opción de reservar servizos baixo demanda.

A implantación desta solución tecnolóxica, financiada con fondos europeos, xa cobre máis do 50% dos desprazamentos interurbanos da comunidade e prevese que estea dispoñible en todo o territorio galego antes de que remate o ano.

Con esta visita ao IES Chan do Monte, búscase que a mocidade de Marín coñeza mellor esta iniciativa e se sume a ela.

Anterior O Goberno local proporá que os cans poidan acceder á Praia da Ribeira no verán

2026 Concello de Marín. Todos los derechos reservados