Finalizadas as obras de instalación do ascensor no Museo Manuel Torres

Finalizadas as obras de instalación do ascensor no Museo Manuel Torres

O Museo Manuel Torres de Marín xa ten instalado o novo ascensor, que permitirá acceder a todas aspersoas ás súas instalacións. Este proxecto, tal como indicou hoxe a alcaldesa, María Ramallo, que foi visitar o lugar, “satisfai unha demanda histórica, unha débeda pendente que tiñamos ca accesibilidade e que agora permitirá que calquera persoa poida visitar o museo sen ningunha barreira arquitectónica que lle supoña un freo”.

Coa instalación xa finalizada, agora é preciso esperar a que se realicen todos os controis técnicos e de seguridade que garantan o correcto funcionamento do ascensor. Unha vez se remate con este procedemento e cos trámites burocráticos correspondentes, xa poderá utilizarse de maneira regular.

O Goberno local leva traballando en sacar adiante este proxecto desde finais do ano 2016, cando se decidiu que a estrutura debía ir por fóra, “dado que polo interior non era viable, xa que non se cumpría coa accesibilidade e todas as opcións alternativas son moito máis complexas e custosas”, segundo os criterios técnicos.

A partir de entón, pedíuselle a correspondente autorización a Patrimonio, que se recibiu favorablemente, aínda que coa obriga de facer o control arqueolóxico que nestes momentos supervisa Anta de Moura. Durante o proceso de axilización do proxecto, leváronse a cabo reunións periódicas ca comunidade de veciños afectada pola construción do ascensor, explicando o por que da decisión técnica de erixilo pola fachada, co obxectivo de sacar adiante a obra co consenso total con todas as partes afectadas.

Ademais, a integración do ascensor no espazo museístico contou co voto a favor unánime de toda a Corporación no Pleno de decembro do pasado ano.

O proxecto, que foi executado a empresa Calicanto Obras y Proyectos SL tivo un custe global de 42.063,78 euros (IVE incluído) e contou cunha subvención de Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

Plan de Mobilidade Sostible

O Concello é consciente da necesidade de seguir dando pasos en pro da mellora da mobilidade e da accesibilidade do municipio, especialmente en aquelas infraestruturas públicas, como era no caso do museo.

Por iso, dentro da estratexia Marín 2020, financiada pola Unión Europea, a través dos Fondos Feder, o Concello está en proceso de implementar o seu Plan de Mobilidade Sostible, centrado na aposta por un transporte público limpo e na mellora das conexións entre o núcleo urbano e o rural e entre o centro marinense o os dous municipios cos que máis relación ten: Pontevedra e Bueu. Dentro desta liña tamén se engloban melloras na rede viaria, impulso do transporte ciclista e peonil e o desenvolvemento de sistemas de subministración de enerxías limpas.

Para todos estes obxectivos xerais, a Concellaría de Medio Ambiente e Benestar Social ten trazadas varias medidas concretas, como a definición do espazo público para que as bicicletas poidan circular con seguridade, a mellora da luminosidade naqueles puntos máis escuros da vila (sempre en base a criterios de eficiencia enerxética) ou a eliminación das barreiras arquitectónicas nos edificios da administración
pública, como é o caso do Museo na actualidade e como será o caso do edificio do Concello no futuro.

Anterior Unha sala no museo para reivindicar o papel da muller da obra de Torres

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados