Fotografía, ciclo indoor, ioga e innovación nunha xornada aberta a toda a cidadanía na Alameda

Fotografía, ciclo indoor, ioga e innovación nunha xornada aberta a toda a cidadanía na Alameda

12 setembro 2022

A Axencia Galega de Innovación escolleu Marín para levar diante a xornada de innovación para a cidadanía 3RETOS RIS3, aberta a toda a sociedade, co fin de dar a coñecer a nova RIS3 de Galicia e implicar á cidadanía nesta aposta pola innovación.

Será o sábado 17 de setembro na Alameda ao longo de toda a mañá e cada unha das actividades lúdicas ofrecidas estará relacionada conceptualmente con algún dos tres grandes retos que marcan o futuro de Galicia.

A xornada comezará cun maratón fotográfico para descubrir oportunidades e retos relacionados coa xestión innovadora dos recursos naturais e culturais (Reto1). De seguido terán lugar as clases de cicloindoor baixo a temática do modelo industrial da Galicia do futuro (Reto 2) e tamén dúas sesións de ioga ao aire libre, para poñer de relevo a importancia dun modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo (Reto 3).

O evento, que estará conducido pola escritora e xornalista da CRTVG, María Solar, contará coa presenza de importantes deportistas como Irene Trabazo (figura do ciclocross e campioa de España) e Desirée Vila –que comezou como ximnasta acrobática sendo campioa de Galicia en varias ocasións e campioa de España ata que se lesionou e emprendeu unha nova carreira no atletismo adaptado conquistando o campionato de España en varias ocasións e o récord nacional dos 100m– ; divulgadoras científicas como Deborah García Bello (Premio Prisma de Divulgación; Premio Bitácoras, Premio Tesla…); artistas como Manolo Paz (escultor e Premio da Cultura Galega); ou artesás como Idoia Cuesta (Premio Nacional de Artesanía e Premio Artesanía de Galicia), entre outras.

As persoas que se acheguen ao evento poderán acceder ao stand Retos RIS3 e coñecer tamén a Canteira de Innovación e Materiais de Galicia, na que se amosan novos materiais innovadores e sostibles feitos no rural galego. Canteira de innovación e materiais de Galicia é un stand formado polas seguintes empresas Atalanta Madera / Betanzos HB S.L.; Cholita; Ecocelta Galicia S.L.; Ecoplas Barbanza S.L.; Eferro; Ibérica de esponjas vegetales; Idoia Cuesta; Io Morales; Landra Típica; Mámoa, Deseños Vivos; Mar de Miranda; NorPromenade; Inés RiR&Co; Timbersoul by Cándido Hermida e Tsubaki Diseño.

Horarios e explicación das actividades

Ás 11.30 horas, será a recepción dos asistentes ao maratón fotográfico. De 11.30 a
11.50 horas, será a primeira sesión de cicloindoor. De 12.00 a 12.30 horas, a primeira sesión de ioga. De 12.30 a 12.50 horas, a sesión de cicloindoor e de 13.00 a 13.30 horas, a segunda sesión de ioga.

O maratón fotográfico utilizará a arte como un banco de probas, porque moitas ideas innovadoras que se proxectan desde o creativo e parecen carentes de funcionalidade, máis tarde acaban sendo aplicadas. A actividade, dirixida polo artista plástico e profesor Suso Fandiño, consiste nun pequeno percorrido urbano que partirá da Alameda de Marín para observar, imaxinar e proxectar desde a fotografía unha serie de retos e oportunidades de innovación vinculadas aos recursos naturais e culturais. As persoas asistentes poderán utilizar os seus propios teléfonos móbiles, non é necesario levar unha cámara de fotos profesional.

O ciclo indoor centrarase na celebración de dúas clases de vinte minutos no paseo da Alameda de Marín. Ambas serán de nivel básico –aínda que cada quen poderá regular a súa propia intensidade– amenizadas con música e unha gran pantalla na que os participantes poderán seguir imaxes de acompañamento e unha gráfica coa duración e nivel de esforzo de cada tramo. É preciso acudir con roupa axeitada para a actividade.

Coa proposta de ioga ao aire libre, trátase de dar a coñecer esta práctica e os seus fundamentos a xente de todas as idades e niveis. As asanas (posturas) e técnicas de respiración axúdannos a levar unha vida máis saudable, tomando conciencia do noso corpo e relaxando a nosa mente. Unha actividade grupal, aínda que de carácter introspectivo, na que cada quen poderá valorar a súa fortaleza, equilibrio e flexibilidade. Dúas sesións de ioga no paseo da Alameda de Marín, de nivel básico e media hora de duración, que serven como primeira toma de contacto con esta actividade ou ben como unha oportunidade para gozar dela nunha contorna diferente. Aconséllase acudir con roupa cómoda e non é preciso levar esteira, xa que se entregará unha como agasallo a quen asista, ademais doutros produtos para uso deportivo.

É imprescindible inscribirse, a través da seguinte ligazón: http://xornadas.galiciainnovacion.es/3RetosRIS3/

 

[button link=”http://concellodemarin.es/wp-content/uploads/2022/09/programa-marin-baja.pdf” size=”large” color=”blue”]Programa 3RETOS RIS3[/button]

Anterior Inaugurado o curso "Galegas Dixitais"

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados