Manuel Villanueva será o pregoeiro das Festas do Carme

11 xuño 2022

Manuel Villanueva será o pregoeiro das Festas do Carme deste ano, que prometen ser unha cita imperdible deste verán, do que se irá anunciado a programación completa ao longo dos próximos días.

A alcaldesa, María Ramallo, en compañía dos concelleiros Manuel Santos, Marián Sanmartín e Itziar Álvarez, avanzaron esta mañá o nome da persoa que se encargará de abrir as festas máis importantes da época estival marinense, así como o cartel relativo a estas datas, confeccionado polo artista Francisco Orjales.

Aínda que nas próximas xornadas irase desvelando a programación festiva completa, a alcaldesa adiantou que o pregón será o 9 de xullo na Alameda. O noso veciño marinense é director xeral de Contidos de Telecinco e a súa traxectoria profesional no sector audiovisual prolóngase xa por máis de tres décadas.

Con gran experiencia no ámbito televisivo, foi colaborador de diferentes medios de comunicación en prensa, así como locutor e presentador de radio, ata que a través da TVG deu o salto á televisión, onde exerceu como adxunto ao director de Programas até o 1989. Ese mesmo ano, foi nomeado director de Programas e Emisións.

No inicio da década dos 90, decidiu trasladarse a Madrid para facerse cargo da dirección de Programación da entón recén nada Telecinco, ata o 1996, ano no que comezou a súa andadura profesional como director de Programación e de Antena de Canal Plus. En 2002, pasa a ser director de Contidos de Antena 3 Televisión e despois regresa a Telecinco, actual Mediaset España, como director xeral de Contidos.

Ademais, vén de lanzar recentemente un libro “Palabra de vino. El placer de una grata converesación hasta apurar la botella”, no que conversa amistosamente con 34 personalidades de distintos ámbitos.

Francisco Orjales, a arte tras o cartel do Carme

O cartel deste ano escollido para as Festas do Carme supón unha homenaxe por parte do autor a todos os mariñeiros falecidos no mar, un tema que de xeito moi especial sentimos na vila de Marín este ano, tras vivir a traxedia do Villa de Pitanxo.

Este artista plástico, que reside entre España e Brasil, traballa desde 1990 coa innovación no mercado das artes plásticas, as xoias, a pintura, a escultura… A utilización de diferentes plataformas para expresar a súa arte sempre foi característica do seu traballo e da súa formación. Expuxo en lugares tan dispares como París, Madrid, Dubai, Nova York, Sao Paulo, Río de Janeiro… entre outras cidades.

Ademais, o propio día 15 de xullo inaugurarase unha mostra no Museo Municipal Manuel Torres, “Samba&Flamenco”, que será un reflexo do amor á súa terra natal, España, e á de adopción, Brasil.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies