O Concello modificará o PXOM para impulsar o desenvolvemento da zona de actuación anexa a Méndez Núñez

9 xuño 2022

O Pleno da Corporación de Marín deu luz verde esta tarde á aprobación inicial dunha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Marín para avanzar no futuro desenvolvemento do ámbito de actuación colindante á Rúa Méndez Núñez.

Tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, esta modificación, na que se ven traballando nos últimos meses, ten por obxecto “poñer as bases urbanísticas necesarias para que no futuro este ámbito poida desarrollarse correctamente, incorporando o que ditou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra o recurso que presentara no seu día a Compañía Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl”.

O tribunal, lonxe de aceptar a anulación do PXOM, mantivo a clasificación desta área como solo urbano non consolidado e incorpora un espazo que ten que estar destinado a un equipamento público. “Pero ademais, con esta modificación aproveitamos para mellorar a zonificación que está proposta no planeamento para que este ámbito se desenvolva da mellor maneira posible”.

Deste xeito, a área contará con:

● Unha área de dotacional privada de 1.157,37 metros cadrados, que se corresponde co espazo destinado ao centro educativo da Inmaculada
● Un equipamento público, que contará cunha parcela de 673,15 metros cadrados
● Unha zona residencial, na que se prevé a construcción de 59 vivendas en dous bloques, arrodeados dunha extensa zona verde que mellorará a habitabilidade e a calidade de vida do espazo urbano
● A apertura dun vial que conectará a Rúa Estrada ata Fondo do Saco, na que se prevén 27 prazas de estacionamento, con beirarrúas nas que se plantarían 84 exemplares arbóreas

“Con esta nova organización”, explicou o concelleiro, “cremos que esta zona situada no corazón urbano da nosa vila pode crecer de mellor xeito, conseguindo zonas verdes e unha nova promoción residencial cun vial modernizado e que mellore a conectividade do centro urbano”.

Tras esta aprobación inicial, agora a modificación puntual pasará a exposición ao público durante dous meses, para despois proceder á súa aprobación definitiva.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies