MARES, estacionamento público gratuíto

MARES, estacionamento público gratuíto

16 abril 2021

[button link=”http://www.concellodemarin.es/proxectomares/” size=”large” color=”blue”]Proxecto MARES[/button]

O proxecto MARES é “a aposta integral do Concello para ordenar o espazo de aparcadoiro público gratuíto do que dispoñemos na vila, a través dos aparcadoiros disuasorios e da nova ordenanza de regulación do tempo de estacionamento en determinadas rúas comerciais, que pronto se comezará a aplicar”.

Así presentou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, esta estratexia elaborada nos últimos meses coa que facilitar á veciñanza e aos visitantes e xente que vén traballar a Marín toda a información precisa para poder utilizar correctamente cada área de estacionamento e para fomentar a mobilidade a pé dentro do municipio sempre que sexa posible.

Desde hai varios anos, o Goberno local está a traballar intensamente na dotación no centro urbano de aparcadoiros públicos gratuítos, que están destinados ás persoas que deixan o seu vehículo aparcado durante varias horas. En total, existen 12 aparcadoiros disuasorios (dos dos cales están aínda a piques de rematar a súa habilitación como tal na Urbnización Virxe do Carme).

“Temos posibilidade de deixar o noso coche nos aparcadoiros públicos da Praza do Regueiro, en Sagrada Familia, en Ponte Zapal, na contorna do Centro de Saúde e do Sequelo, na República Arxentina, en Jaime Janer, en Concepción Arenal…”, enumerou a rexedora, que engadiu que nesta última rúa “realizamos unha humanización coa que se mellorou moitísimo a fisionomía deste vial e á que dotamos de 100 prazas nun aparcadoiro público para así paliar as prazas perdidas polo ancheamento das beirarrúas”.

Co obxectivo de que os marinenses e os que veñen de fóra poidan ter localizados todos estes aparcadoiros públicos e saiban canta distancia lles separa camiñando desde cada un deles aos principais puntos de interese da vila creouse un parking minuto, no que se pode ver, por exemplo, que desde o aparcadoiro de República Arxentina apenas nos separan 6 minutos á Casa do Concello e 7 minutos ao Parque Eguren.

“Tratamos de visibilizar que, ao final, todo está máis preto do que parece e que temos que apostar por unha mobilidade a pé que permita desconxestionar as rúas do centro urbano para os aparcadoiros de longa duración. Se vimos traballar a Marín e o noso coche está 8 horas parado, o ideal é precisamente que quede nestas parcelas”, explica a alcaldesa.

Ramallo tamén explicou que non se incluiu o aparcadoiro disuasorio da Praza de España, porque ademais de que ese si que é un aparcadoiro coñecido por todos e todas, “temos que mirar cara o futuro e adiantarnos á obra do Auditorio, que mermará as prazas nese ámbito”.

 

 ZONA 2H, para todo o demais

Precisamente, coa intención de aumentar a rotación e permitir que as rúas máis céntricas da cidade teñan prazas libres para poder facer recados, xestionar algún trámite, tomar un café e, por ende, apoiar á economía local, naceu a ordenanza que regula o estacionamento con horario limitado.

 

A ZONA 2H, que é como se chamará e como se indicará na sinalización vertical, “só regula o tempo que pode estar aparcado un coche nesas rúas, sen ningún tipo de custo. Como xa explicamos no seu momento, non é unha zona azul de pago, senón só de regulación do tempo”. Ese tempo máximo será de 2 horas e se aplicará nas seguintes rúas:

 

  • Av. de Ourense: desde o paso de peóns, fronte ao parque infantil ata a Praza de España
  • Av. de Ourense: desde o paso de peóns, fronte ao parque infantil ata a Rúa Estrada
  • Av. de Ourense: desde o número 90 ao 96
  • Av. Exército e Marina: desde o Mercado ata o Monólito da Liberación
  • Rúa da Ponte: desde a zona de carga e descarga, situada fronte á fonte, ata o cruzamento con Rúa do Sol
  • Rúa Concepción Arenal: desde o cruzamento da rúa Jaime Janer ata a rúa da Roda
  • Rúa Concepción Arenal:o tramo da beirarrúa impar, fronte á EEI O Grupo ata o cruzamento coa Rúa Méndez Núñez
  • Rúa Jaime Janer: desde o cruzamento coa Rúa Concepción Arenal ata a Rúa Busto de Abaixo
  • Rúa do Alcalde Ezequiel Massoni: beirarrúa impar (Parque Eguren), desde o cruzamento coa rúa do Busto de Abaixo ata o cruzamento coa rúa Concepción Arenal

Tal e como indicou a alcaldesa, con respecto á ZONA 2H só queda por realizar os traballos de pintado e de colocación das sinais indicativas, polo que se espera que a súa posta en funcionamento sexa para a primeira semana de maio. “Avisaremos con antelación para que a veciñanza estea informada con tempo”.

Pola súa banda, o xefe da Policía Local, Benigno Blanco, explicou o funcionamento da MCam, o sistema que utilizará o corpo de seguridade control para controlar e vixiar o cumprimento da ordenanza. “Realizaranse dúas pasadas para controlar de xeito directo as matrículas, e se na segunda, feita pasadas as súas horas, a mesma matrícula está no mesmo lugar, tramitaríase a correspondente sanción”.

 

 Próximo proxecto: o parking subterráneo do Parque Eguren

 O proxecto MARES inclúe tamén unha terceira nova que a alcaldesa anunciou esta mañá: o avance dos traballos preliminares para poder dotar ao Concello dun parking subterráneo baixo o Parque Eguren.

“Marín precisa ir na mesma liña que se está a marcar a nivel global, dotando de máis espazo urbano á veciñanza e mellorando a mobilidade e habilitando outros espazos para os coches, por iso cremos que Marín ten que contar cunha infraestrutura coma esta”. A alcaldesa adiantou que xa está avanzado un estudo da viabilidade da parcela, da posible demanda e do coste da construción do parking, “co que seguiremos traballando” ata ter un proxecto definido.

 

 Todo o material, descargable na web

Todos os planos creados co proxecto MARES poderán descargarse facilmente a través da web municipal, no apartado adicado á estratexia: http://www.concellodemarin.es/proxectomares/

Ademais, a veciñanza poderá adquirir o plano completo cos aparcadoiros marcados, os tempos de desprazamento e as rúas incluídas na ZONA 2H nos diveros puntos da localidade: o Concello, o Museo Manuel Torres, a Biblioteca, a Oficina de Turismo…

Anterior Os Maios mostrarán todo o seu esplendor no Museo Torres do 1 ao 8 de maio

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados