Marín avanza na mellora integral do saneamento co novo proxecto do colector do Río Lameira

Marín avanza na mellora integral do saneamento co novo proxecto do colector do Río Lameira

12 febreiro 2021

Os servizos públicos de calidade son a ferramenta básica que os concellos deben ofrecer á súa veciñanza. O saneamento entra dentro desta liña, sendo un servizo fundamental para a depuración de augas residuais.

No marco da súa mellora, o Concello vén de recibir a obra acometida por Augas de Galicia que supuxo unha elevada inversión para colocar un novo colector, con moita máis capacidade, baixo a Avenida de Ourense.

O próximo gran proxecto, e que supón a resolución dunha materia pendente na vila neste eido, será a execución da obra de mellora do colector do Río Lameira, “unha obra fundamental, de enorme calado, que suporá un antes e un despois na prestación deste servizo”, aseguran fontes municipais. Esta obra realizarase ao abeiro dun convenio coa Xunta de Galicia, a través tamén de Augas de Galicia.

O seu obxectivo será o de mellorar toda a rede de saneamento que se atopa no contorno do río, reducindo os problemas de infiltracións de augas do Lameira, que provocan unha sobrecarga continua. Ademais, conseguirase que as augas costeiras no entorno da estación depuradora melloren os obxectivos medioambientais que existen para as augas de baño.

O organismo autonómico será o encargado de levar a cabo a contratación e a xestión do proxecto, así como das expropiacións de terreo que sexan precisas para executar as actuacións previstas.

Tal e como ocorreu no caso da obra do colector xeral da Avenida de Ourense, a inversión a realizar neste proxecto será elevada. En total, a actuación terá un custo de 3.950.000 euros. Augas de Galicia aportará 3.600.000 euros en tres anualidades, sendo o resto aportado por fondos propios municipais.

Desde o Concello, a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, considera “vital” a posta en marcha deste convenio, “que demostra que puidemos desatascar unha das grandes obras en saneamento que tiñamos pendente desde hai moitos anos e que axudará a que este servizo funcione ao cen por cen, mellorando a nosa calidade medio ambiental”.

Sanmartín fai un balance “moi positivo” do que se leva avanzando en materia de saneamento nos últimos anos. Despois do intenso traballo que se desenvolveu nas obras do colector da Avenida de Ourense, recepcionadas hai unha semana, “podemos dicir que estamos preparados para acometer este novo proxecto de envergadura”.

A estas dúas grandes actuacións, súmanse todas as melloras na rede de saneamento que se van facendo de xeito paulatino a medida que se realizan humanizacións en diversos viais do termo municipal, como no caso de Concepción Arenal, a Rúa do Tombo, a Rúa Estrada ou, actualmente en obras, a Rúa Camiño Vello de Seixo.

Anterior Ramallo aposta polo Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria de Marín como "o futuro punto de referencia" da gastronomía e do emprendemento

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados