21 outubro 2022
A contorna natural do noso Concello é un patrimonio inmaterial que o Goberno local quere revalorizar, recuperando espazos para a cidadanía no entorno litoral. Unha das nosas conexións con mar é todo o espazo do Paseo Alcalde Blanco e da zona do Cemiterio de Barcos.
É aí, nese espazo marítimo pegado á vila, no que o Goberno local proxecta a creación dunhas piscinas naturais de auga salgada, que suporán un atractivo esencial tanto para a veciñanza como a nivel turístico e que formarán parte dunha mellora xeral dese espazo urbano que conecta co recentemente remodelado paseo, cuxos xogos de auga foron un dos grandes éxitos da rehumanización.
Tal e como explicou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, “estamos realizando os trámites necesarios para obter a documentación que se precisa para a elaboración do informes precisos para avanzar neste proxecto”. Un deles é o que se lle encargou á empresa Aquática e que se centra na realización dunha batimetría do fondo acuático. É dicir, estase a levar a cabo un estudo das profundidades para crear un informe de estratexias marinas.
“O obxectivo é poder analizar cal debe ser a mellor solución técnica para poder levar adiante o proxecto tendo o mínimo impacto ambiental posible”, recalcou a
alcaldesa. Para iso, realizaranse traballos de topografía e batimetría, como se expresou anteriormente; de recoñecemento de fondos e de caracterización de materiais no interior da dársena.
Tamén se encargará un estudo xeotécnico e outro de estabilidade do peirao, para coñecer o estado dos muros que circundan o espazo acuático. Este estudo será realizado pola empresa Enmacosa.
Tal e como se pode ler na memoria previa do informe de estratexias marinas, “o que se propón é extender unha capa de area sobre o fondo, nivelándoo e creando esa capa” que favorecerá a habilitación da piscina natural de auga salgada.
Unha mellora integral do espazo
A rexedora asegurou que unha vez se remate coa elaboración destes estudos, “estaremos en disposición de poñer en marcha a licitación das obras do proxecto propio da piscina, impulsando así o que cremos que pode ser un espazo urbano totalmente renovado, aberto á cidadanía e que nos achega ao noso ben máis prezado: o mar”.
Paralelamente, estase a deseñar toda a urbanización da contorna das piscinas, co obxecto de crear unha continuidade urbanística máis naturalizada entre este punto e o inicio do Paseo Alcalde Blanco.