Marín contará cunha Unidade de Estimulación Terapéutica para persoas con alzheimer

5 maio 2022

A Finca de Briz seguirá sendo un espazo de referencia para o coidado e o tratamento de persoas con Alzheimer. Na casa do parque xa se acollen desde hai varios anos os obradoiros de memoria, pero desde agora Briz contará tamén cunha Unidade de Estimulación Terapéutica para persoas con esta patoloxía, grazas á Consellería de Política Social, que vén de adxudicar este servizo a Afapo (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias da provincia de Pontevedra).

A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, reuniuse co representante da asociación, José Manuel Fontenla, para ver in situ as necesidades de cara á posta en marcha da unidade pública gratuita.

Agora, será a Xunta de Galicia, a través da Lei de Dependencia, a que se poña en contacto con aquelas persoas que teñan dereito a este tipo de servizo en función do grao que teñan recoñecido, para que pouco a pouco se vaian ocupando as prazas.

O obxectivo deste centro será o de ofrecer servizos de prevención das situacións de dependencia, apostando pola estimulación terapéutica das persoas con alzheimer e outras demencias neurodexenerativas.

Deste xeito, as persoas responsables de levar adiante a unidade utilizarán técnicas dirixidas ao adestramento nas actividades da vida diaria (AVD), axudarán á estimulación cognitiva e ofrecerán terapia ocupacional, atención psicolóxica, logopedia e actividades de lecer e tempo libre.

Este servizo será de tres días á semana durante catro horas e incluirá o transporte dos usuarios desde o seu domicilio.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies