O Concello, a CCMM de San Xulián e a AAVV de Pardavila unen esforzos para fomentar un rural máis poboado

1 setembro 2021

O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, visitou xunto a Asociación de Veciños de Pardavila e o presidente da Comunidade de Montes de San Xulián as actuacións realizadas na zona do Chamo, que abren a porta a unha repoboación deste espazo rural.

Segundo explicou o edil, nos últimos dous anos levase actuando no Chano en diferentes fases, co obxectivo de dotar de acceso a unha serie de vivendas que estaban deshabitadas,  debido a ese problema de mal acceso que presentaban e pola falta de servizos.

Foron os propios propietarios dos inmobles os que solicitaron que se levase a cabo esta actuación para así poder iniciar o proceso de rehabilitación das vivendas e reactivar, de tal xeito, o asentamento neste área de Pardavila.

Ante esta petición, o Concello, a Comunidade de Montes e a asociación sumaron esforzos e decidiron colaborar na financiación da actuación. Deste xeito, a CCMM aportou 20.000 euros, que se destinaron á realización do ensanche dos viais, e o Concello outros 20.000 euros, cos que se colocaron os servizos de auga e saneamento. Pola súa banda, o colectivo veciñal aportou 3.000 euros que se sumaron ao montante final da obra.

Unha vez finalizada, están agora en tramitación as licenzas para a rehabilitación dos inmobles, que poderán ser ocupados, favorecendo a repoboación dun rural de Marín que xa é vivo e quere seguir tendo dinamismo e crecemento.

Pola súa banda, o concelleiro Novas quixo destacar “o gran exemplo de cooperación e colaboración entre Administración e colectivos sociais que supuxo esta obra, que foi posible tamén grazas ás aportacións da Comunidade de Montes e da asociación”. E recalcou a importancia que ten que a CCMM de San Xulián “estea a desenvolver unha estratexia de inversión no propio pobo, apostando moitísimo polos núcleos rurais e axudando ás asociacións veciñais a sacar adiante proxectos pendentes”.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies