O Concello abre unha liña de axudas de ata 1.000 euros para negocios afectados pola pandemia con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

13 decembro 2021

As consecuencias da crise sanitaria seguen estando aí, aínda que as restricións de cara á actividade económica dalgúns sectores sexan máis relaxadas. Por iso, nun contexto no que recuperar as cifras anteriores á pandemia será difícil para moitos autónomos e pequenos comerciantes e emprendedores, o Concello de Marín saca unha nova liña de axudas directas coas que inxectar liquidez á economía local.

Esta convocatoria está dirixida a traballadores autónomos, microempresas e pequenas empresas (máx. 10 empregados e non máis dun millón de euros de cifra neta de negocio), nas que entran: cafeterías, bares e restaurantes; axencias de viaxes, ximnasios e centros similares e empresas de organización de eventos e locais de celebracións infantís.

O importe total deste programa de axudas será de case 71.000 euros e os participantes poderán recibir axudas de até máximo 1.000 euros por cada negocio.

Para poder acceder a estas axudas, os negocios deberán estar radicados no termo municipal de Marín. A maiores, será preciso que a súa actividade fose mermada ou pechada forzosamente polas restricións sanitarias, que estean exentos do Imposto de Actividades Económicas no 2021 e que se estea ao corrente coas obrigas tributarias correspondentes.

A presentación de solicitudes realizarase a través da sede electrónica do Concello de Marín (https://sede.concellodemarin.es) e o prazo está aberto ata o 19 de decembro.

Desde o Concello, animan a todos os establecementos que cumpran cos requisitos a que presentena súa solicitude e afirman “que agora temos que seguir apostando por iniciativas coma esta, que nos permitan axudar aos sectores económicos que máis notaron o impacto da pandemia na súa facturación”.

A inversión realizarase con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. As bases completas da convocatoria poden lerse aquí:
https://boppo.depo.gal/detalle/-/boppo/2021/12/09/2021062943

Outras axudas, vales regalo para fomentar o comercio local

Por outra banda, o Concello ten activo un ano máis durante o Nadal o sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros cada unha, ás que se pode acceder mercando no comercio local, con compras superiores a 30 euros.

Os tickets desas compras deben deixarse no buzón que se encontra na Oficina de Turismo da Praza de España ata o 15 de xaneiro.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies