29 marzo 2021
A contorna do Mercado de Seixo converterase nun “centro neurálxico, cunha compoñente urbana que mellorará todo o espazo”. Así se expresou esta mañá o Goberno local con respecto á obra de humanización deste entorno da parroquia de Marín, que gañará unha praza e mellorará a mobilidade.
O proxecto supón a realización dunha serie de expropiacións que están a avanzar a moi bo ritmo, polo que o Concello está xa a definir as ideas principais que rexerán o proxecto de humanización posterior.
Nesa vía estase a traballar, tratando de encaixar a actuación no marco do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra. Segundo explicou o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, “o obxectivo é crear unha rúa de plataforma única, cun uso prioritario dos peóns e unha praza a nivel que poida permitir usos múltiples de ocio e de lecer”.
O proxecto irase redactando ao longo deste ano para despois iniciar a súa tramitación legal. Neste camiño, esta mañá os concelleiros Novas e Manuel Santos compartiron cos partidos da oposición as ideas urbanísticas iniciais, presentadas pola arquitecta externa.
Un novo aparcadoiro público con cerca de 40 prazas
A humanización desta zona suporá a supresión de prazas de estacionamento, pero como previsión e para dotar a todo Seixo dun espazo amplo para estacionar, o Concello abriu o pasado venres unha nova parcela que agora se poderá utilizar para este fin.
A parcela, ubicada en Doutor Otero Ulloa, terá capacidade para cerca de 40 coches e está a apenas 20 metros do lugar no que se desenvolverá a humanización.
Avanzan as obras de Camiño Vello de Seixo
De xeito paralelo, estase a executar a humanización do Camiño Vello de Seixo, unha rúa que entronca ca contorna do Mercado e que cambiará radicalmente a súa fisionomía coa actuación que se está a desenvolver.
Nesta obra estase a aumentar o ancho das beirarrúas e renovarase o alumeado e todos os servizos públicos de alcantarillado e abastecemento.