O Concello bonificará o 40% do pago do IBI ás familias numerosas

O Concello bonificará o 40% do pago do IBI ás familias numerosas

O Pleno da Corporación que terá lugar este xoves no Concello tratará a modificación de dúas ordenanzas fiscais que afectan ao IBI e ao IAE (Imposto de Actividades Económicas), co fin de lanzar o Plan de Axuste que o Goberno local preparou para poder solicitar a súa adhesión ao Fondo de Financiación de Entidades Locais.

Segundo informou o tenente alcalde e concelleiro de Facenda, Manuel Santos, este Plan de Axuste (que xa foi aprobado no pasado Pleno) contemplará unha medida coa que tratar de beneficiar ás familias numerosas da vila. Concretamente, este tipo de unidades familiares poderá solicitar a bonificación do 40% do pago da cota íntegra do IBI dos seus inmobles residenciais.

Deste xeito, aqueles que ostenten este título, que debe estar vixente no exercicio actual, poderán solicitar a bonificación presentando unha solicitude no Concello na que se identifique o inmoble ao que se lle aplicará este 40%. En todo caso, tal e como explicou Santos, “só poderá ser un inmoble por cada familia numerosa”. As solicitudes poderán ser presentadas ata o 30 de abril de cada ano.

Por outra banda, o Plan de Axuste contempla unha modificación no tipo de gravame que se aplica aos bens inmobles que están no interior do recinto portuario (catalogados como BICES), que pasará a ser do 0,96%.

IAE: unha modificación só para as empresas do Porto de Marín

No que respecta ao Imposto de Actividades Económicas, o Plan de Axuste recolle que se lles aplique ás empresas situadas no recinto portuario un coeficiente de situación do 2,05.

Con esta modificación fiscal, equipararase o cobro con Pontevedra deste tributo, cidade na que algunhas firmas pagan os seus impostos. O Goberno local calcula que a recadación para as arcas municipais marinenses con este axuste será de 54.000 euros ao ano.

 

Anterior O Concello habilitará un sistema de vídeo actas que permitirá a retransmisión dos Plenos vía streaming

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados