Esta mañá, o Concello acolleu unha Comisión Extraordinaria para abordar o tema co resto de partidos da Corporación.
Presentáronse 8 empresas ao lote 1 e 3 ao lote 2 para o que será o contrato máis elevado da Administración local: 17 millóns de euros durante 10 anos
Marín, 21 outubro 2025
Esta mañá, celebrouse unha Comisión Extraordinaria de Medio Ambiente para tratar co resto de partidos da Corporación a proposta de adxudicación a Urbaser do novo contrato de recollida de residuos urbanos, que rexerá a cobertura deste servizo durante a próxima década e que se eleva a 17 millóns de euros de inversión.
O Concello leva máis dun ano traballando intensamente para sacar adiante este novo contrato de recollida de residuos urbanos, que suporá “un gran salto de calidade” con respecto ao anterior. Terá unha duración de 10 anos, permitirá máis capacidade de recollida, incluirá a dotación do colector marrón e melloras salariais para os traballadores.
Este contrato supuxo unha gran tramitación, tanto na redacción dos seus pregos, que obrigou a ter un estudo previo de custos, e cada un dos trámites pasou por un Pleno, que é o órgano de contratación pola elevada contía do servizo.
Na comisión de hoxe, a concelleira deu conta de como foi a licitación. Presentáronse 8 empresas para o lote 1 (que engloba a recollida de lixo) e 3 empresas para o lote 2 (que se refire á recollida de residuos textís, reservado para centros especiais de emprego e/ou empresas de inserción).
Despois de avaliar estas ofertas e aplicar os criterios de valoración que se incluiron nos pregos, a Mesa de Contratación propón como adxudicatarias: no caso do lote 1 á empresa Urbaser, por un prezo anual de 1.633.368,22 euros; e con respecto ao lote 2, propón á empresa Arroupa.
Esta proposta debatirase nun Pleno Extraordinario, que se celebrará o venres 24 ás
13.30 horas no Concello. A partir de aí, requeriráselles ás empresas a documentación correspondente, que deberán presentar nun prazo de 10 días hábiles. Finalmente, volverá ao Pleno para aprobar a adxudicación de forma definitiva.
Aumento do 35% da capacidade e colector marrón
Entre as melloras conseguirase o aumento de case un 35% da capacidade mínima de recollida entre os colectores de todas as fraccións, chegando a case 4 millóns de litros.
Incluirase tamén nas illas o colector marrón, que serve para recoller en exclusiva os residuos orgánicos, deixando o clásico colector verde para a fracción resto, favorecendo unha recollida cada vez máis selectiva e que permita seguir traballando nun Marín máis verde e medioambientalmente sostible.
Ademais da recollida específica de enseres, que seguirá funcionando como até o de agora, dentro do novo contrato incluirase a dotación da xestión dun Punto Limpo Móbil, que se irá desprazando por distintos puntos do municipio e que facilitará a reciclaxe dos residuos que deben depositarse no mesmo (pilas, móbiles, baterías, cartuchos de tinta, cápsulas de café…, entre outros moitos exemplos).
Tamén se instalarán tres novos colectores de 30 metros cúbicos para o uso das brigadas municipais e o mantemento dos colectores soterrados da Rúa do Sol.
Dentro da oferta de Urbaser, proponse o aumento do número de colectores e dos horarios de recollida, incluíndo os domingos no centro urbano.
Proposta de mellora dun 22% dos salarios da plantilla
Outro dos puntos relevantes ten que ver co aspecto salarial das e dos traballadores. O novo contrato suporá a subrogación da plantilla actual, composta por 14 persoas traballadoras a tempo completo e unha a media xornada.
Pero, tal e como explicou a edil de Medio Ambiente, “debido á falta de negociación desde o 2019, data da que teñen o convenio firmado, nestes momentos os salarios que percibe a plantilla están non só por debaixo do salario mínimo interprofesional, senón tamén da media do que perciben traballadores doutros concellos do noso tamaño e contorna”.
Por iso, realizouse un cálculo dos costes aplicando unhas posibles condicións salariais para a plantilla que corrixan este déficit e que se cristalizou nunha proposta de aumento do 22% con respecto á táboa de 2019.
Esta decisión, que conta con informes negativos tanto de Secretaría como Intervención, é considerada así a todo polo Goberno local como “necesaria, posto que é unha situación de xustiza social”, polo que foi incluída nos pregos como unha condición de especial execución.