O proxecto conectará os núcleos de Xuncal e O Pazo co cemiterio parroquial de Ardán, mellorando a seguridade viaria, a accesibilidade e a mobilidade sostible nesta zona rural do municipio.
Marín, 31 outubro 2025
O Concello de Marín solicitará presentará o proxecto de creación dunha senda peonil na estrada do Pazo, na parroquia de Ardán, para que sexa subvencionado a través do Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra (Plan Extra), co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a calidade de vida da veciñanza desta zona rural do municipio.
A actuación proxectada permitirá crear un itinerario peonil seguro e accesible que conectará os núcleos de Xuncal e O Pazo co cemiterio parroquial de Ardán, resolvendo unha das principais demandas veciñais e un problema histórico de mobilidade. Actualmente, o acceso faise por beiravías estreitas e sen pavimento regular, o que supón un risco para o tránsito de peóns.
O proxecto contempla unha senda de 2,5 metros de ancho e preto de 730 metros de lonxitude, combinando tramos segregados do tráfico con zonas de convivencia de prioridade peonil nos núcleos habitados. Tamén se actuará na rede de pluviais, coa instalación dun colector subterráneo e sumidoiros, e mellorarase o firme da estrada, os carrís de circulación e a sinalización horizontal.
A intervención permitirá ademais reordenar o entorno do cemiterio, coa creación dun paso de peóns sobreelevado e a reubicación de elementos como a marquesina, contribuíndo á mellora estética e patrimonial da zona.
Segundo explicou o Concello, esta actuación forma parte da estratexia de mobilidade sostible recollida nos documentos de planificación municipal —a Axenda Urbana de Marín e o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS)—, e dá continuidade ao modelo de cidade amable e accesible que Marín está a desenvolver nos últimos anos.
A alcaldesa subliñou que “proxectos como este son esenciais para garantir o equilibrio territorial entre o centro urbano e as parroquias, mellorando a seguridade e os servizos nas zonas rurais e contribuíndo a fixar poboación”.
Con esta solicitude ao Plan Extra, o Concello de Marín pretende seguir avanzando na humanización e mellora das parroquias, garantindo investimentos que favorezan a mobilidade sostible, a seguridade viaria e a cohesión territorial en todo o municipio.
O orzamento global do proxecto é de 863.573,59 euros.