04 febreiro 2022
A contratación de obra pública (así como a privada) está a vivir unha situación moi delicada, cun incremento dos prezos moi fóra do común, chegando incluso a experimentar sobrecostes nas materias primas e materiais, o que encarece os proxectos de maneira moi significativa.
Neste sentido, desde o Goberno local estaban moi pendentes do proceso de adxudicación dun dos maiores proxectos que ten a vila en marcha: a construción do Auditorio.
A alcaldesa, María Ramallo, informa que, despois de que o Pleno propuxera a adxudicación inicial á empresa Citanias, “esta non completou os trámites da licitación, xa que non presentou a documentación requerida no prazo legalmente establecido pola Lei de Contratos. Por iso, se considera como retirada esta proposición presentada pola empresa”. Deste xeito, a licitación queda deserta.
Este acordo elevarase ao próximo Pleno da Corporación e “poñerémonos mans á obra para iniciar de novo o proceso de licitación e poder seguir avanzando”, explica a alcaldesa. “Temos que ter en conta que este proxecto construtivo é do 2019, fíxose en base aos prezos daquel entón, que non teñen nada que ver cos números actuais. Por iso, despois de avaliar todas as opcións posibles, traballaremos para actualizar o orzamento global da obra e así volver iniciar o proceso de contratación con todas as garantías”. No proxecto, revisarase partida a partida cada un dos materiais, xa que non todos experimentaron a mesma suba.
“Non podemos evitar este escenario de absoluta incertidumbre para as empresas e as administracións, así como para o sector privado da construción, que ve imposible defender proxectos con prezos obsoletos e evitar presentarse, para non asumir unha inestabilidade na execución que poida acarrear problemas graves”, engade.
Polo tanto, Marín e o seu Auditorio non son, nin moito menos, unha excepción, senón que están afectados por unha suba de prezos e unha crise de suministros común a todo o Estado e que só en Galicia está a afectar a máis de 100 obras.
De feito, a alcaldesa asegurou que xa lle trasladou a situación á Xunta de Galicia, administración cofinanciadora do proxecto xunto cos fondos europeos do Marín Dusi. “Entenderon perfectamente o que acontece e xa nos aseguraron que contaremos co seu apoio”.
Desde o Concello, aseguran que xa está en marcha o traballo burocrático para reactivar o tramitación e reiniciar o proceso de licitación. “Farémolo con todas as garantías e con toda a rigurosidade, tal e como se fixo ata agora. Pero non podemos ser alleos á realidade e debemos actuar en consecuencia, para seguir traballando na consecución dun equipamento socio cultural que consideramos fundamental para a nosa vila”.
“A parte positivo é que estamos no mellor momento para facer esta modificación, xusto antes de comezar as obras. A parte negativa é que suporá un retraso duns meses o inicio dos traballos”, remata a alcaldesa.