O Lavadoiro da Fonte do Castiñeiro, na Porteliña, estrea nova imaxe despois da súa limpeza

23 marzo 2022

A conservación e posta en valor do patrimonio da nosa vila é fundamental para coñecer a nosa historia e preservar a memoria colectiva do pobo de Marín. Nese sentido, os labores de mantemento de lavadoiros e fontes son unha parte esencial do traballo que está a realizar o Goberno local.

Un dos lavadoiros nos que se vén de actuar é o da Fonte do Castiñeiro, na Porteliña, en Mogor, ao que acudiron esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Pablo Novas, Manuel Domingos e Cristina Acuña acompañados por veciños da zona.

Neste lavadoiro, leváronse a cabo labores de rexuntado e de posta a punto tanto da propia fonte como do lavadoiro e tamén se limpou a contorna, cun pequeno espazo que aqgora está con terra limpa e que antes tiña escombros.

A rexedora quixo trasladar á veciñanza o desexo do Goberno local de continuar executando traballos que consigan facilitar o acceso a estes bens patrimoniais, tanto para os que xa os usaban de xeito frecuente como para todas aquelas persoas amantes do patrimonio que queiran vir coñecelos.

De feito, tal e como lembrou Ramallo, “o ano pasado habilitamos dúas webs municipais, unha con todo un rexistro de lavadoiros en Marín e outro coas fontes, que teñen fichas moi completas con galerías fotográficas, reproduccións 360, información e xeolocalización de cada un destes elementos”.

O lavadoiro de Mogor, un proxecto propio de revalorización

Ramallo aproveitou tamén a visita á Porteliña para lembrar que o Goberno local está traballando nun proxecto de remodelación do lavadoiro de Mogor, un dos máis visibles da vila, así como da súa contorna.

Proponse desmontar a estrutura da cuberta actual do lavadoiro, así como o seu pilón, para poder cimentar de novo de xeito unitario e, sobre ese espazo único, volvería colocarse o lavadoiro, e renovaríase toda a cuberta.

“En todo momento, restauraranse os elementos catalogados, pero facendo a mínima intervención posible e utilizando técnicas e materiais tradicionais que non afecten á estética”, especifica a memoria técnica do proxecto.

“En total”, engadiu a alcaldesa, “actuaríamos nunha superficie de máis de 500 metros cadrados”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies