O lavadoiro Río de Casás contará cunha nova cuberta e cunha contorna renovada

O lavadoiro Río de Casás contará cunha nova cuberta e cunha contorna renovada

O Concello de Marín iniciou a pasada semana o proxecto de substitución da cuberta do lavadoiro “Río de Casás”, unha actuación que tamén engloba o acondicionamento do seu entorno, que comprende o propio regato de Casás, así como varios camiños e peches de parcelas privadas que están adicadas a cultivos hortofrutícolas.

O cambio da cuberta vén motivado polo “forte impacto visual” que ten a actual, tal e como se pode ler na memoria do proxecto. A súa configuración e os materiais empregados na súa construción non permitían unha boa integración paisaxística, “carecendo de calquera sensibilidade co conxunto etnográfico”. A isto, sumábanse os problemas de conservación, xa que se atopaba en moi mal estado.

Este lavadoiro, así como a fonte, seguen a ser moi utilizados pola veciñanza na actualidade, polo que era preciso tamén abordar os problemas de estanqueidade que presentaba.

Deste xeito, a nova cuberta será dun solo plano inclinado e estará composta por “materiais tradicionais, que conformen unha imaxe de conxunto”. Tamén se creará unha estrutura con elementos lineais de madeira e granito. No que respecta ao pavimento, conservarase o enlousado de granito existente no perímetro do pilón e utilizarase o adoquín de granito silvestre para a plataforma que une o viario e o lavadoiro.

Asemade, colocarase un banco xunto á arbore existente e mellorarase a instalación lumínica pública, para dotar de seguridade ao espazo nos momentos de escuridade.

O proxecto, que forma parte do Plan Concellos 2018-2019, está a ser executado pola empresa Hermanos Iglesias, Diseños y Construcciones SL, por un importe total de 38.725,42 euros (IVE incluído), e ten un prazo de execución de  2 meses.

Anterior O Concello inicia o reparto de material de protección entre os establecementos comerciais da vila

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados