O Rilla na Rúa chega ao Paseo Alcalde Blanco para enchelo de cultura, boa comida e ganas de ocio

O Rilla na Rúa chega ao Paseo Alcalde Blanco para enchelo de cultura, boa comida e ganas de ocio

6 maio 2022

O Paseo Alcalde Blanco acollerá os días 16, 17, 18 e 19 de xuño o evento Rilla na Rúa, unha aposta pola dinamización, a gastronomía e a cultura cun ambiente mozo e familiar e que servirá como pistoletazo de saída para o novo paseo, despois da súa remodelación a cargo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

As concelleiras Marián Sanmartín e Beatriz Rodríguez presentaron esta mañá xunto a Jorge Rodal, da empresa Elemental Street, esta cita, que quere ser “un punto de encontro para toda a veciñanza de Marín e do arredor, para desfrutar deste paseo con boa comida, mercadiño, cultura…”.

O evento busca agrupar á xente en torno ao Paseo Alcalde Blanco ao longo de todo o día, con forza na hora do vermú e da cea, sen entrar nun horario nocturno. “Entendemos esta data para vivir ao longo do día, sen meternos na noite máis alá da 01.00 da mañá”, indicou Sanmartín.

Haberá en torno a seis ou oito foodtrucks con comidas de distintas orixes e con opcións veganas e sen glute. Ademais, tal e como se explicou na presentación, os hostaleiros de Marín que queiran participar, poden poñerse en contacto coa empresa para solicitar información de alquiler dunha foodtruck e así poder vender os seus produtos.

A mesma sinerxia quere crearse co tecido cultural e asociativo da vila, que poderá escribirlle a Elemental Street para propoñer unha actuación que poida encaixar dentro do extenso programa de actividades que se desenvolverá no paseo eses días. Para iso, será preciso que escriban un email ao correo

produccion@recadoscarmen.com (mesmo mail que para a hostalaría), indicando que entidade son, que proposta teñen e un teléfono de contacto.

Sanmartín sinalou que o Rilla na Rúa será “o evento que dea inicio a toda a programación deste verán, que nos fará recuperar a normalidade na vila, que despois destes anos é necesario e xa nos apetece a todos”.

Pola súa banda, Rodríguez tamén engadiu a necesidade de que “as nosas agrupacións culturais volvan ter espazos nos que mostrar as súas capacidades e proxectos, reactivando a súa actividade e volvendo á normalidade tras a pandemia”.

Ao longo deste mes de maio, irá configurándose a programación do evento de cara á súa celebración en xuño, nunha data na que a mocidade xa está case liberada das obrigas académicas e na que a cercanía de San Xoán convida a descorchar a época estival.

Anterior O Concello contrata a unha técnica de turismo para dar servizo aos visitantes a través da Oficina de Turismo durante o verán de 2022

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados