Recogida de alimentos

SOS do Banco de Alimentos para reclutar ata 110 persoas voluntarias para a Gran Recollida previa ao Nadal

Marín, 02 novembro 2026

O Banco de Alimentos a nivel de toda España convocou, como é habitual no mes de novembro, unha “Gran Recollida” para os días 13 e 14 (venres e sábado) deste mes.

O grupo coordinador desta acción solidaria en Marín fai un chamamento ás persoas voluntarias que queiran participar nalgún dos días sinalados durante os cales se estrutura así o traballo:

  • Quendas de mañá: De 09.30 a 12.00h e de 12.00 a peche de mediodía
  • Quendas de tarde: De 15.30 a 18.00h e de 18.00 a peche de tarde

O labor consiste na entrega de información a quen acceda aos establecementos onde se realiza a campaña e recollida das doazóns á saída dos clientes que teñan a ben realizalas.

As persoas participantes estarán identificadas mediante os chalecos que facilita o propio Banco de Alimentos e disporán de folletos explicativos para os clientes aínda que a mecánica é sobradamente coñecida. O grupo coordinador estará pendente de calquera cuestión que xurda ao longo dos dous días de recollida para liquidala o máis axiña posible.

Como participar

Quen queira colaborar, tendo en conta que se necesitan máis de 110 persoas para cubrir todas as quendas nos supermercados marinenses participantes, deberán comunicarse no teléfono 696 599 270 coa organización que lle asignará as quendas pactadas que soliciten a maior comodidade do voluntariado ou ofreceralle calquera información que necesiten ao respecto.

Calquera persoa será ben recibida na campaña de forma individual pero aconséllase a participación por parellas xa que se estima que en cada quenda estean, polo menos, dúas voluntari@s realizando o labor.

O Banco de alimentos anima ás persoas de boa vontade a participar nesta importante campaña anual e agradece sinceramente a colaboración.

Anterior Humor, danza e música protagonizan as próximas citas do Auditorio de Marín All posts