Voilá la Femme, Celeste Garrido e Isabel Carragal, Premios Lazo Violeta 2019

Voilá la Femme, Celeste Garrido e Isabel Carragal, Premios Lazo Violeta 2019

As concelleiras Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez e Mónica Viqueira e a directora do CIM de Marín, Marián Sánchez, anunciaron hoxe cal será a programación de cara ao 25N, Día Internacional Da Loita Contra a Violencia de Xénero, así como as persoas ou entidades que recibirán este ano os Premios Lazo Violeta.
A mostra “Voilá la femme”, do Ateneo Santa Cecilia, recibirá un destes premios, pola súa labor de difusión e apoio da expresión artística de mulleres novas, artistas que comezan a súa traxectoria e que atopan nesta exposición un espazo no que ensinar a súa arte e as súas sensibilidades.
Outro dos premios, en relación con “Voilá la femme”, recaerá sobre Celeste Garrido, comisaria desta mostra e escultora, pola súa implicación na defensa da muller a través do mundo da arte.
Finalmente, o terceiro Lazo Violeta será un recoñecemento póstumo a Isabel Carragal, unha muller de Marín forte e loitadora, que faleceu a causa dun cancro. Serán os seus familiares os que recollan o premio.
A entrega das estatuiñas será o mesmo día 25, ás 13.00 horas, no salón de plenos do Concello de Marín. Previamente, representantes do Consistorio realizarán a lectura dunha declaración institucional, na que se inclúen temas como a necesidade de ampliar a consideración de vítima por violencia machista, que actualmente só é aplicable á parella ou ex parella do agresor; a inclusión da violencia sexual dentro da categoría de violencia de xénero, a preservación do anonimato con respecto aos datos das vítimas, e, finalmente, unha maior sensibilidade por parte dos medios de comunicación nas coberturas deste tipo de crimes.
O mesmo día 25 os actos continuarán ás 20.00 horas no salón de actos do IES Illa de Tambo, onde se interpretará unha peza teatral titulada “O rueiro das liortas”, a cargo da compañía Elegante Elefante e na que se fai un retrato da nosa sociedade, inzada de comportamentos sexistas.
Como previa ao 25N, o día 21 ás 11.00 horas no Mercado Municipal repartiranse pins de metal violetas con forma de lazo, símbolo universal da muller e da loita contra a lacra machista.

Actividades para os centros escolares
Paralelamente ao acto institucional, o Concello de Marín organizou unha serie de actividades que teñen como fin sensibilizar e implicar aos centros educativos da vila na conmemoración dun día tan significativo como é o 25N.
Así, por unha banda, a caravana morada, que xa estivo na festa de San Miguel e San Migheleiro, instalarase nos centros educativos para que o alumando de Educación Infantil e Primaria poidan visitala. Alí, entregaránselle contos, debuxos animados e xogos cos que traballarán de maneira interactiva para avanzar na súa sensibilización.
Para os rapaces e rapazas da ESO, Bacharelato e cursos formativas, o Concello preparou a exposición Bravxs, ca colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o confinanciamento da Federación Española de Municipios e Provincias, a través do Programa de Empoderamento e Liderado Feminino.
Esta mostra trata temáticas como a inxustiza e a discriminación no ámbito da ciencia que sofren as mulleres, a pesar da valía das súas investigacións e descubertas, a través dunhas caretas ilustradas por Marta Riera, ex mestra da Facultade de Belas Artes. O alumnado poderá ampliar a mostra con novos nomes de mulleres que consideren que tamén deben estar nesta lista.
Por outra banda, nestes cursos visionarán o documental “Debuxando o xénero”, un proxecto divulgativo realizado por Gerard Coll – Planas e María Vidal.
Finalmente, os cursos de 4º da ESO e de Bacharelato realizarán o obradoiro “Abre os ollos”, unha actividade participativa impartida polo persoal do CIM, no que se procurará favorecer, utilizando material audiovisual, a comprensión dos conceptos clave en igualdade.

Anterior O Concello incentiva o hábito lector do alumnado do CPR La Inmaculada

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados