O Concello adxudica o proxecto de humanización da Rúa Camiño Vello de Seixo

O Concello adxudica o proxecto de humanización da Rúa Camiño Vello de Seixo

A Xunta de Goberno Local celebrada esta semana adxudicou por un importe de 374.361,63 euros a adxudicación do proxecto de humanización previsto para a Rúa Camiño Vello de Seixo, que será executado pola empresa COVSA, que resultou a que mellor puntuación recibiu na licitación.

A actuación afectará ao tramo comprendido entre a rúa Doctor Otero Ulloa (estrada PO-551) e o cruce coa Estrada O Grupo Escolar de Seixo, de tal maneira que esta mellora da contorna suporá unha continuidade da actuación que xa se realizou desde este cruce até a estrada provincial EP-1202.

As razóns para acometer esta obra son evidentes. Por unha banda, o actual deseño da rúa provoca conflitos cando dous vehículos se cruzan e hai outros estacionados, xa que a amplitude do viario non permite o paso simultáneo de ambos coches.
O problema é similar no caso das beirarrúas, cuxa anchura actual, de entre 1.60 e 1.68 metros, non é dabondo para a comodidade dos peóns. Ademais, o deterioro do pavimento supón incluso un perigo polas posibles caídas e tropezos, polo que é inminente a súa reparación.

Por outra banda, os servizos de abastecemento atópanse en “moi mal estado de conservación”, xerando incluso problemas á veciñanza polas roturas e avarías que se xeran consecuencia desta situación.

Así, con esta actuación preténdense corrixir estas medidas, aumentando as beirrarúas ata uns 2.50 metros (dependendo nalgúns puntos das fachadas dos edificios anexos). No que respecta á calzada, quedará un carril de 3.50 metros de amplitude, de único sentido desde a Rúa Doutor Ulloa ata o Mercado.

Para o estacionamento, deixarase á beira de toda a marxe dereita do viario un espazo de máis de 2 metros. Asemade, eliminarase a illa existente no inicio do tramo, fronte á Igrexa Evanxélica, para poder ampliar nese punto tamén as beirarrúas, incorporando un paso de peóns.

O proxecto terá un prazo de execución de catro meses, a contar desde o momento que se adxudiquen os traballos.

Anterior O xurado do I Concurso de Decoración de Nadal do Concello establece os finalistas de cada categoría

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados