Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Concello programa dous concursos para crear ambiente de Samaín e de Nadal e que terán como premio vales de compra no comercio e hostalaría locais

A situación sanitaria obríganos a buscar alternativas para gozar das tradicións que aínda temos por diante, como son o Samaín e a festividade do Nadal. O Concello trata de establecer novas fórmulas para implicar á cidadanía nestes momentos do calendario tan sinalados, de tal xeito que se poidan realizar actividades seguras e que teñan impacto no comercio e na hostalaría locais, que necesitan máis ca nunca a dinamización do seu consumo.

Así, as concelleiras Raquel Soage e Itziar Álvarez presentaron esta mañá o concurso que se porá en marcha por Samaín e que animará á veciñanza a disfrazarse para saír dar un paseo e gozar dos decorados que se colocarán, por parte da Fundación Juan XXIII e da Asociación Os Da Caña, na Finca de Briz e no Palco da Música.

Participar será ben sinxelo. Bastará con sacarse unha fotografía nalgún destes decorados entre o sábado 31 e o domingo 1 e subila a Instagram. Ao postear esta imaxe, será necesario ser seguidor do perfil do Concello de Marín nesta rede social (@concellodemarin), mencionar a conta no texto e utilizar o hashtag #SamaínMarín20.

As tres fotos que colleiten máis “Gústame” serán que as que reciban os tres vales de compra, a canxear nos establecementos locais adheridos a Marín en Rede. Estes vales terán un valor de 150, 100 e 75 euros, respectivamente.

Aínda que as fotos deben ser subidas na fin de semana, haberá de marxe até o martes, día 3 de novembro, para que a xente poida interactuar e axudar aos participantes a conseguir estes vales, que poderán canxearse en calquera dos locais comerciais ou de hostalaría que se pode atopar no directorio online do Concello.

A finais de semana, o Concello fará públicos os gañadores ou gañadoras, aos que se lles fará entrega destes vales de compra. Con esta campaña de dinamización, búscase incentivar a creación dun “ambiente virtual” de Samaín que redunde, finalmente, no consumo na economía local, que agora máis ca nunca precisa de reactivar a súa actividade.

 

Decorar en Nadal ten premio

Seguindo esta mesma filosofía de apoio ao comercio, o Concello traballa noutro concurso, desta vez a través dun xurado tribunal, co que incentivar a participación tanto do comercio e da hostalaría como dos particulares nesta festa.

O concurso consistirá en avaliar os mellores escaparates decorados con motivos navideños, na categoría comercial, e os máis traballados decorados dos balcóns, portas e casas da veciñanza, na categoría dos particulares.

Así a todo, este concurso aínda está a traballarse por parte do Goberno local, polo que se irán avanzando máis detalles a medida que se achegue a época de Nadal. O que si é seguro é que os premios consistirán tamén en vales canxeables por compras no comercio e a hostalaría da vila.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies