A enquisa de mobilidade do PMUS evidencia un elevado uso do vehículo particular para pequenos traxectos e un interese crecente polo uso da bicicleta

A enquisa de mobilidade do PMUS evidencia un elevado uso do vehículo particular para pequenos traxectos e un interese crecente polo uso da bicicleta

30 outubro 2021

Avanzar na construción do Marín que queremos require dunha planificación e dun traballo previo, que nos permita trazar as liñas mestras das actuacións futuras e dos obxectivos medio ambientais e de calidade de vida que se queren acadar.

Ese é o obxectivo da redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), un documento que xa está nun estado moi avanzado e que está a ser elaborado pola empresa Proyestegal. Dentro do proceso de elaboración do plan, prantexouse unha enquisa de mobilidade para que a cidadanía marinense participase aportando respostas sobre os seus hábitos de vida e consideracións respecto da mobilidade na vila.

Das respostas recollidas polo equipo redactor, derívanse varias conclusións interesantes sobre o tipo de itinerarios que se realizan no noso municipio. A ampla maioría dos enquisados móvense por motivos laborais con vehículo privado e máis dun 60% fanno dentro do casco urbano, sendo este punto tanto de orixe como de destino.

Tal e como se recolle nos resultados da enquisa, os traxectos máis comúns non superan os 15 minutos de duración nin os 5 quilómetros de distancia.

Por outra banda, no que respecta a outros medios de transporte, hai un interese por parte da cidadanía no autobús, sobre todo no que respecta a unha maior comodidade na traslación da información sobre os horarios e as frecuencias dos mesmos.

Pero fundamentalmente chama a atención o potencial interese dos enquisados polo uso da bicicleta. Un 70% dos mesmos aseguran que optarían por este medio de transporte de xeito habitual se se toman medidas coma a unión continua do carril bici existente.

Este obxectivo está dentro dos plans do Concello que, despois de crear todo o itinerario ciclista da Avenida de Ourense, aspirará a unificar este vial co Viario de Praias, mellorando o seu trazado, se se acadan os fondos do Plan de Sostibilidade Turística.

 

Un parking subterráneo

Entre as maiores preocupacións dos veciños e veciñas que participaron da enquisa está o estacionamento. De feito, unha das demandas máis repetidas é a creación dun aparcadoiro subterráneo que permita alugar prazas de estacionamento.

O Goberno local ten en marcha un estudo de viabilidade para a creación dun aparcadoiro destas características no Parque Eguren. Por outra banda, segue o seu curso na búsqueda de novas parcelas que poidan sumarse aos actualmente 12 aparcadoiros disuasorios habilitados nos últimos anos e que se poden consultar na web do Proxecto MARES (www.concellodemarin.es/proxectomares).

 

Anterior Ramallo visita as obras do Paseo Alcalde Blanco, pendentes da recepción de materiais

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados