A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, informou de que o Concello xa enviou a solicitude para que na temporada do ano que vén as praias da vila conten de novo coa certificación de Bandeira Azul, que xa ostentan os cinco areais do municipio: Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e O Santo. En todas as praias, ademais, conseguiuse un nivel da calidade da auga excelente.
No que respecta aos centros azuis, volverá solicitarse a distinción para o CIP de Mogor e para o Ateneo Santa Cecilia, que xa conta con ela, e, como novidade, solicitarase para o Museo Torres, “pola gran cantidade de actividades e charlas que alberga este espazo”.
Sanmartín explicou que este verán foi necesario tomar algunhas medidas extraordinarias pola situación sanitaria, algunhas que simplemente se activaron nese momento e outras que se manterán de cara a vindeiros anos, como foi a eliminación das papeleiras. “Era unha medida que xa nos solicitaban desde a Adeac e que consideramos que funcionou moi ben, dado que a veciñanza foi moi colaboradora depositando o lixo nos colectores que hai fóra das praias”.
EMAS
Por outra banda, o Concello xa recibiu esta mañá a solicitude de inscrición no Rexistro EMAS da Xunta de Galicia, polo que en breve xa poderán renovar este distintivo ambiental.